Olga Raíces: «Todo Conxo nota os 50 anos do noso colexio educando con moita ilusión»

joel GÓMEZ SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

PACO RODRÍGUEZ

A directora do Quiroga Palacios lembra que este curso organízanse actividades para conmemorar o aniversario do centro

04 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

En 1968 comezou a funcionar o colexio público Quiroga Palacios, en Conxo. Este ano conmemoran o 50 aniversario con actividades. Organizaron unha programación continuada, que principiou o primeiro trimestre e prevén que conclúa en xuño cun gran festival de fin curso. «Ofrecemos unha caixa de correos orientada para a comunidade escolar, para que se fagan suxestións e acheguen as súas lembranzas para esta conmemoración. Iniciamos o curso con carteis para anunciar o aniversario e colocando un grande no exterior. Penso que todo Conxo nota os 50 anos do noso colexio educando con moita ilusión», di a directora, Olga Raíces.

Fixeron unha sondaxe entre o alumnado máis novo sobre o que lle regalarían ao cole por este primeiro medio século. «E houbo respostas moi singulares. Desde quen pedían máis espazos de recreo, plantas, unha boa decoración ou instalacións moi diversas. No Día da Poesía, en marzo, pedimos que lle dedicasen poemas ao centro e temos expostos varios. E aproveitamos para potenciar o estudo da historia de Conxo polo alumnado, animamos para que investiguen, que lle pregunten á veciñanza, á familia, ou que procuren outras fontes de información», acrecenta Olga.

O aniversario tivo presenza en festas populares, como o entroido, con disfraces alusivos a esas cinco décadas. Agora elaboran un mural con fotografías antigas e unha exposición onde se poderá ver antigo alumnado. «Decoramos os corredores para que non lle pase desapercibido este acontecemento a ninguén. Tamén fixemos un programa de radio, preguntando polo barrio opinións sobre o colexio. Agora traballamos nunha canción conmemorativa, e queremos gravar un vídeo. Exporemos materiais didácticos antigos, como diapositivas, retroproxectores e outros que agora se substitúen por tecnoloxía máis moderna, dixital. Queremos facer un libro-documentario para que fique de lembranza», manifesta a directora.

Saídas didácticas por Conxo, ao Concello ou ao Museo Pedagóxico de Galicia figuran igualmente entre as previsións. Para este último trimestre ultiman unha semana cultural, con xogos populares, unha carreira solidaria en colaboración con Unicef; a actuación musical de Paco Nogueiras, quen de pequeno estudou no colexio; un recital de Rosalía Morlán, autora moi relacionada con Conxo; ou un concerto do coro do IES Antonio Fraguas. «A asociación de nais e pais apoia estas iniciativas. Estamos a contactar con diversas asociacións, centros socioculturais e de ensino, ou empresariado, para que se impliquen, alén do Concello. E temos a idea de facer unha gran festa de fin de curso, para non esquecer», indica Olga.

Non se exclúe a ninguén. Hai unha alumna xordacega «e o dispormos de intérprete está a facilitar que se difunda a lingua de signos, e que se integre; ou o conserxe, que exerce aquí hai catro décadas e é unha memoria moi valiosa deste tempo», afirma.

Cando finalicen as aulas, o Concello prometeu acondicionar un patio de infantil novo, no verán «que é unha necesidade. Estamos á espera de coñecer se poderemos usar o edificio do antigo centro de recursos da Consellería de Educación, aínda que non é fácil, porque se precisarían obras», sinala a directora.

Parte do alumnado acode transportado de Milladoiro, A Rocha e outras zonas. E continúan a medrar: «En 5 anos pasamos de ter só dúas aulas en dous cursos, e ter dúas aulas para toda a oferta de infantil e de primaria, mesmo tres para cuarto de primaria. E non podemos aumentar máis, xa temos que excluír varias peticións para o próximo curso por non termos espazo», salienta.

Directora. Olga Raíces é profesora de música. Ensina hai cinco anos no colexio Quiroga Palacios e en xullo de 2017 asumiu a dirección do centro educativo.

Aniversario. O colexio público de Conxo comezou a funcionar en 1968. Celebran o 50 aniversario con actividades todo este curso, con apoio e participación de toda a comunidade educativa.