A Mesa recolleu nun ano 41 queixas e 10 parabéns polos usos do idioma galego na comarca
SANTIAGO CIUDAD
A maioría delas proceden da cidade de Santiago
03 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.O servizo A Liña do Galego, da Mela Pola Normalización Lingüística, recolleu 41 queixas e 9 parabéns en 2017 por usos do idioma na zona de Compostela.
A maioría das situacións de protesta tiveron relación con espazos de administracións, entidades ou empresas públicas; e houbo mesmo algunhas que se presentaron noutras localidades e teñen que ver con servizos que inciden en Santiago, como os ferroviarios ou a sinalización da autoestrada A-9. Na zona de Compostela a Mesa rexistrou 22 queixas contra administracións públicas: 14 contra a Xunta, 6 contra a do Estado e dous concellos; e 19 empresas (14 de servizos, 4 da banca e 1 de telefonía). Os parabéns foron para unha comunidade relixiosa de Santiago, e para oito empresas privadas, seis delas da cidade, unha de Ames e outra de Arzúa.
Incluír e recoñecer o idioma
A Liña do Galego atende queixas, consultas e parabéns por usos do idioma nos últimos anos. Conta cunha aplicación específica, que é pública «e hai rexistro desde que existe», afirma Marcos Maceira, presidente da Mesa. Unha técnica, Sara Seco, coordina este servizo, que ten como principal fin a inclusión do galego e o seu recoñecemento en calquera aspecto da vida das persoas da comunidade, sen exclusións; e velar polo cumprimento de acordos e lexislación «nacionais, estatais e internacionais en relación á lingua», para que se apliquen axeitadamente, indican.
A maioría das queixas procederon da cidade de Santiago, de cidadáns que protestaron porque, por exemplo, o menú ofrecido pola Xunta pola recepción de Marilar Aleixandre na Real Academia Galega estivese en castelán. Varias persoas evidenciaron o seu malestar cos centros da sanidade pública, por facilitaren información ou certa documentación só en castelán. O mesmo aconteceu coa Axencia Tributaria, a Casa do Rei ou a Fábrica de Moneda, por non teren activada ou non ofreceren a opción en galego. O uso da toponimia, en castelán a pesar de ser oficial a galega, en varias institucións; ou a falta de documentos ou de atención directa en galego motivaron outras protestas. Tamén houbo queixas desde Padrón (por estar só en castelán a información na parada do ferrocarril), Melide (ausencia do galego no mercado medieval, en agosto), Ames (polo uso exclusivo do castelán nas bases dun concurso de cinema convocado polo Concello e a Deputación) ou Teo (por falta de documentación en galego nunha empresa de inspección técnica de vehículos).