Fiestras verdes na rúa do Vilar

Quique Alvarellos

SANTIAGO CIUDAD

Georges Chevalier

Pioneira imaxe en cor de 1917 do francés Georges Chevalier

08 abr 2018 . Actualizado a las 11:40 h.

Hoxe son marróns. Hai cen anos, verdes. As fiestras das casas más vellas da rúa do Vilar que aparecen aquí fotografadas en 1917, nunha das imaxes que integran a ampla serie de sesenta instantáneas en cor que, de Santiago, A Coruña e Padrón, obtivo no mes de maio daquel ano o fotógrafo francés Georges Chevalier.

Como comentabamos a semana pasada, trátase da primeira serie de imaxes en cor (orixinais, non coloreadas) conservadas de Compostela. Nesta que exhumamos hoxe apreciamos, á esquerda, un edificio brasonado de pedra vista no primeiro e segundo andar e cos soportais encalados. É evidentemente o Pazo de Vaamonde, do século XVIII, sede hoxe do Consorcio de Santiago.

No medio da estampa, a casa branca das fiestras verdes. Un dos inmobles máis antigos e singulares da cidade. No seu baixo funcionan hoxe as oficinas de Turismo de Compostela. Notemos como o estilo da época pedía encalar tamén os soportais e as súas columnas.

E á dereita, unha das catro sombreirerías que chegaron a funcionar nesta emblemática rúa. Chamamos esta semana á que aínda resiste no número 34, Sombrerería Iglesias. Fundada no ano 1912 por Celestino Iglesias Regueiro e hoxe rexentada por Tino, o seu neto. Queriamos saber se, quizais, fose esa a da foto aínda que nesta outra ubicación, pero non é. A da imaxe, segundo nos comentan, correspondería á Sombrerería Dacosta.

Diciamos que esta é unha das primeiras fotografías conservadas en cor de Santiago de Galicia. Pero antes houbo quen fixo fotografía en cor no país. Mágoa que non se conserven esas imaxes ou non se atopasen aínda. O pioneiro foi o prestixioso e multifacético oftalmólogo compostelán Ángel Varela Santos (1877-1944). Quen fora o oculista do propio Castelao obtivera, xa á altura de 1909, unha fotografía en cor, tal e como nos confirma o fotohistoriador Carlos Castelao. Pensemos que nese ano 1909 a fotografía en cor levaba inventada menos dun lustro, polo que é toda unha proeza técnica. Ángel Varela (avó, por certo, do coñecido escritor e filólogo compostelán Anxo Tarrío Varela) debeu de coñecer o novo sistema nas súas viaxes realizadas a Francia o Alemaña.

Volvamos, para concluír, a esta nosa imaxe de Georges Chevalier. A estas fiestras verdes entreabertas ao aire morno dun maio de 1917, e ao branco (hoxe inédito) destes soportais encalados que felizmente aínda están hoxe en pé.

editor@alvarellos.info