Olalla García: «Os gatos sempre foron os esquecidos, pero agora tamén se están adoptando»

A nova responsable do centro quere convertilo «nunha referencia para Galicia»


Santiago / la voz

Olalla García (Outes, 1981) ponse ao fronte do Refuxio de Bando despois do acordo unánime da Fundación Refuxio de Animais, na que ademais dos diferentes grupos políticos municipais tamén están representadas asociacións ecoloxistas e animalistas. A concelleira de Benestar Animal, Noa Morales, presentou á nova directora destacando a iniciativa demostrada por García, así como a súa filosofía de cómo debe ser esta institución.

-¿Que obxectivos se propón para os próximos anos?

-Converter o refuxio de abandono nun centro de protección animal e nun referente para Galicia. Temos como base o sacrificio cero, algo que neste momento xa se está facendo, e tamén queremos empezar a levar a cabo campañas de adopción, para fomentar tanto estas adopcións como os apadriñamentos. Fainos falta captar recursos privados, de xente que queira colaborar economicamente traendo por exemplo pensos, area, ou calquera outra contribución.

-Di que quere mellorar as condicións de vida dos animais do refuxio. ¿Como?

-Por exemplo mellorando a alimentación. Outro dos nosos obxectivos é fomentar as casas de acollida, porque calquera refuxio, por moitas boas intencións que teña, non deixa de ser un lugar no que o animal ten que compartir o día a día con moitos máis. Sen embargo, nunha casa de acollida sempre van estar máis cómodos.

-¿Como está a proporción de cans e gatos?

-Temos uns 250 animais: 200 cans e 50 gatos.

-¿E as adopcións, a xente acolle tanto cans como gatos?

-Saen máis ou menos. É certo que antes a xente adoptaba cans. Os gatos sempre foron os grandes esquecidos, pero duns anos para aquí tamén se están adoptando bastantes.

-En Galicia acaba de entrar en vigor unha lei de benestar animal. ¿É abondo ou quedouse moi curta?

-A nova lei ten vantaxes e ten desvantaxes. Había un montón de centros nos que se sacrificaban animais, e agora é certo que en teoría non se pode facer, aínda que tamén supoño que haberá formas de disimular.

-¿Chegan a desaconsellar a adopción se cren que o animal non vai estar en boas condicións?

-En principio o que facemos as asociacións, algo que no refuxio tamén se fai, é unha pequena entrevista á persoa que vai adoptar, preguntando onde e como vai vivir o animal, para valorar se realmente merece a pena que adopte. Hai persoas que ao mellor che din que van ter o can preso para estar vixiando unha finca, algo que coa nova lei non se pode facer. Non se entrega un animal para estar amarrado.

-¿Que motivos dan para devolvelos?

-Tanto refuxios como asociacións deben estar para animais que están abandonados, non para deixar animais, pero as razóns que dan as persoas que devolven os adoptados son por alerxias; porque ao mellor ven un neno para a casa e non poden convivir; por falta de tempo; por mudanzas. Razóns variadas.

-¿Como está Santiago en canto a recursos de benestar animal?

-Creo que está bastante ben. Sempre hai máis abandono e máis necesidade da que podemos cubrir, pero creo que está bastante ben. Hai varias asociacións de protección animal e despois temos o refuxio.

-¿Sempre tivo vocación polos animais?

-Sempre colaborei dalgunha maneira porque sempre me gustaron os animais. Levaba o material a algunhas asociacións. Tamén fun voluntaria durante dous anos no Refuxio de Bando e despois pasei a formar parte doutra asociación da zona de Santiago.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos
Comentarios

Olalla García: «Os gatos sempre foron os esquecidos, pero agora tamén se están adoptando»