O francés Georges Chevalier retratou a cidade dun xeito novo
25 mar 2018 . Actualizado a las 10:38 h.Un verdadeiro tesouro. Todos imaxinamos o pasado das nosas cidades ou xentes no branco e negro único que sempre nos chegou á vista, a través das vellas fotografías. Hoxe abrimos unha fiestra nova. Lévanos a 1917. Esta imaxe é unha das primeiras fotos en cor que se consevan de Galicia. Non é unha foto coloreada posteriormente, senón feita xa en cor auténtica.
A fotografía en cor fora patentada en 1903 polos célebres irmáns Lumière, (inventores do cinema). Foi a coñecida como placa autocromo. Este sistema perdurou ata mediados dos anos 30 cando chegaría ao mercado a modernísima película Kodachrome. Hoxe son moi coñecidas as amplas series de imaxes dos soldados e da fronte de batalla da primeira Guerra Mundial, feitas por ese mesmo sistema autocromo dos Lumière.
As que non se coñecen apenas son as primeiras fotos en cor conservadas de Galicia, que hoxe traemos aquí. Este é un tema (a orixe da fotografía en cor no país) moi pouco investigado, onde hai por certo un protagonista pioneiro, compostelán, do que falaremos en vindeiras entregas. Hoxe centrémonos nestas estampas de 1917. Cheguei a elas grazas á información que Marcos López Concepción subiu ao seu Facebook hai uns meses.
Trátase dunha colección de ata 60 imaxes de Santiago, A Coruña e Padrón obtidas polo fotógrafo francés Georges Chevalier. Este artista visitounos no mes de maio de 1917 coa finalidade de aprovisionar de fotos o arquivo mundial de imaxes en cor do banqueiro francés Albert Khan.
Hoxe, todas dixitalizadas, estas imaxes están custodiadas en Francia, no Museo Departamental Albert-Kahn de Boulonge-Billancourt. As nosas autoridades deberían xestionar a súa cesión e reprodución para poder ser contempladas no país. Son parte ben importante do noso patrimonio.
Imaxe icónica do país
Para abrir boca, este domingo escollemos unha delas, e nas vindeiras semanas iremos dando á luz algunha máis e afondando nesta colección única.
Situámonos na praza do Obradoiro. Unha praza en cor e unha composición gráfica que tantas veces se exportaría logo como imaxe icónica do país. Vemos o carro, os bois... e a muller do campo. Ela aparece vestida co pano, o dengue cruzado perfectamente á altura do peito, o mandil, os zocos... Posa diante do fotógrafo fronte ás escaleiras de acceso á catedral e, tras ela, o cu dese cesto de vimbio como complemento perfecto para unha estampa única que semella terse montado para realizar esta imaxe de postal.
Así pois, hai cen anos, aínda que pareza mentira, a vida tamén era en cor. Teñen que vir fotografías coma esta para nolo lembrar.