A presenza do compostelá nas institucións culturais galegas foi máis alá. De feito, ademais do Museo do Pobo Galego, moitas outras lamentaron onte o seu falecemento. Entre elas, a Real Academia Galega, da que foi membro correspondente dende o ano 1972; e a Xunta, que puxo en valor a «súa devoción e compromiso» con Galicia. Membro do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, integrante da comisión xestora do novo Seminario de Estudos Galegos, patrón fundador da Fundación Castelao e da Fundación Pedrón de Ouro, socio fundador da Asociación de Amigos do Museo do Castro de Viladonga e socio da Asociación de Escritores en Lingua Galega, a súa marcha deixa un fondo oco.