A iniciativa No bico un cantar homenaxeará en Betanzos os autores populares

Tamara Montero
Tamara Montero SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

Preto de 500 rapaces cantará o «Alalá á Vella Maneira» de Manuel Rivas que musicou Teresa Bretal

09 mar 2018 . Actualizado a las 14:44 h.

No bico un cantar naceu no 2013, cando se cumprían 150 anos da publicación de Cantares Gallegos. Daquela, a protagonista foi Rosalía de Castro. Despois virían Curros Enríquez, Ramón Cabanillas, os poetas medievais e os mindonienses. Este ano é o momento dos autores populares. Do patrimonio musical de Galicia. O primeiro de xuño daranse cita en Betanzos preto de 500 rapaces e adolescentes para cantar o Alalá á Vella Maneira de Manuel Rivas que musicou Teresa Bretal.

A rapazada estará acompañada musicalmente de Hércules Brass Ensemble nun concerto que tamén servirá como aperitivo das celebracións do 800 aniversario do traslado de Betanzos ao lugar no que actualmente se atopa a cidade, un aniversario que se cumpre no 2019. Ata Betanzos irán estudantes dos conservatorios profesionais das sete cidades de Galicia para estrear unha peza que constitúe un fito nestes seis anos de No bico un cantar: é a primeira vez que se pon música á obra dun autor vivo.

O programa do concerto estará composto, ademais de pola estrea de Alalá á Vella Maneira, de alalás das Mariñas, Muxía e Camariñas. Pecharase co Maio longo de Rosalía de Castro, que xa é unha tradición neste concerto.