Xoán López Facal: «Olimpio Pérez era un home piadoso, familiar e moi compostelán»

Susana Luaña Louzao
susana luaña SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

Sandra Alonso

O enxeñeiro, economista e agora tamén escritor presentou un libro sobre Olimpio Pérez no edificio que foi sede da súa banca

08 mar 2018 . Actualizado a las 01:18 h.

O autor di que é «unha homenaxe sentimental á cidade de Santiago de Compostela». E sorprende o adxectivo cando se está a falar da banca. Por iso Xoán López Facal, enxeñeiro, economista e agora tamén escritor, matiza: «É un libro sobre a figura de Olimpio Pérez e da banca de Compostela, resultado da miña tese de doutoramento, pero no primeiro capítulo fixen unha versión decimonónica de Santiago na que aparecen Rosalía de Castro, os fusilados e unha descrición de todo o que se movía na sociedade compostelá, de aí o de sentimental. É un libro que está escrito a dúas mans, por unha banda cunha técnica de acuarela e outra de debuxo técnico para a análise das contas bancarias».

O libro foi presentado onte nun acto cargado de significado porque tivo lugar no Centro Abanca Obra Social, o edificio que foi sede da Banca Olimpio Pérez durante algo máis dun século. Publicado polo Consorcio de Santiago e pola editorial Galaxia, Olimpio Pérez. Unha historia da Compostela moderna é un estudo dos negocios e das contas da entidade, da súa carteira de valores e da súa rede de relacións financeiras que pretende «contribuír a un mellor coñecemento da nosa historia económica», subliña o autor.

Pero é tamén a biografía dun home que López define como «piadoso, familiar e moi compostelá». Olimpio Pérez, fillo dun emprendedor rioxano que adquiriu a casa da praza de Cervantes na que se fundou o banco, dedicou toda a súa vida á familia, aos negocios e a exercer de compostelán, porque a diferenza doutras entidades do século XIX, o seu banco non tivo máis que unha sucursal fóra da cidade, e foi en Vilagarcía, «que era a fachada atlántica e comercial da Banca Pérez», polo seu porto e pola relación coa emigración en América, unha das principais fontes das que se nutrían os fondos da Banca Olimpio Pérez, que tamén mantiña relacións comerciais con Londres e París, «porque estamos a falar dunha banca moderna que non se limitaba aos depósitos e créditos -subliña o autor- senón que investía en empresas galegas como as eléctricas». Tan moderna que, logo de morrer o fundador nun contexto económico difícil e de pasar polas mans de diferentes grupos financeiros, rematou sendo vendida ao Sabadell por un euro.