Nós tamén creamos! premia a creatividade audiovisual dos máis cativos

La Voz SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

Sandra Alonso

Os alumnos do Santo Paio de Abaixo (Redondela), Afonso D. Rodríguez Castelao (Vigo) e o Rodríguez Xixirei (Santiago) recolleron os premios polas súas curtas

07 mar 2018 . Actualizado a las 14:54 h.

Os estudantes de terceiro e cuarto de primaria do colexio Rodríguez Xixirei de Santiago, os de primeiro e segundo de primaria do Afonso D. Rodríguez Castelao de Vigo e os de infantil do Santo Paio de Abaixo de Redondela recolleron esta mañá no Pazo de San Roque en Santiago os premios da sexta edición da iniciativa Nós tamén creamos! que recoñece os mellores traballos audiovisuais en galego.

Os cativos dos tres centros escolares fixeron cadansúa curtametraxe en stop-motion partindo de textos publicados por OQOeditora. O xurado escolleu  A guerra dos números do Rodríguez Xixirei, O mundo nos ollos do Afonso D. Rodríguez Castelao e Que mal cheira! do Santo Paio de Abaixo como as mellores curtametraxes que se presentaron ao concurso que organiza a Secretaría Xeral de Política Lingüística, en colaboración coa CRTVG e OQOeditora.

«As curtas que realizastes son impresionantes», díxolles aos rapaces premiados Borja Guerrero, responsable da área audiovisual de OQOeditora, que fixo extensivo a todo o mundo o lema do concurso: nós tamén creamos. O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, amosouse abraiado da «calidade das creacións feitas polo alumnado máis novo», algo que levan demostrando o alumnado dende a primeira edición do concurso. A responsable de contidos da CRTVG, Montse Besada, e Manuel Corredoira, director xeral de Educación, tamén parabenizaron aos participantes.