Antón Costa Rico: «Aprendiamos o galego lendo libros»

Elisa Álvarez González
Elisa Álvarez SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

PACO RODRÍGUEZ

O pai deste catedrático da USC e cofundador de Nova Escola Galega sempre quixo que estudara; e él, fillo de gaditana e galego, tivo moi claro que quería desenvolver a súa acción pedagóxica na comunidade

05 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Naceu en Castellar de la Frontera, Cádiz, no ano 1952. Non é que fose unha casualidade, porque a súa nai era de alí, pero pouco parou nese lugar. O seu pai, un garda civil fillo de labregos, andou por varios lugares de Andalucía e coñeceu alí á súa nai. Pero así que casou viñeron para Galicia, a Triacastela. «A miña nai veu dun pobo branco e creo que o pasou mal, pero logo fomos á Mariña de Lugo e colleulle cariño ao lugar», conta Antón. De aí á capital lucense. Este gaditano de nacemento estudou no seminario de Mondoñedo. ¿Por vocación relixiosa? «Cando tiña 14 ou 15 anos igual, pero con 16 xa me entraron as dúbidas», di. Moi bo alumno non era, pero «tampouco era malo, depende do que se queira entender por bo», explica rindo.

A súa nai quizais non tiña tan claro que estudara unha carreira, pero co seu pai non había dúbidas. «Recordo unha frase que era moi repetida por el: ‘Estuda mentres poidas, que para levar o mosquetón chego eu’», lembra. Desde novo tivo vocación polo ámbito educativo e con 17 xa lía textos marxistas. «Tiña inquedanzas de que outro mundo era posible, outro espazo de liberdade e xustiza, e eses elementos interviñeron en que me decantase por pedagoxía». Alá marchou a Salamanca, a facer os cursos comúns de Filosofía e Letras, nuns anos «moi ricos e moi vivos para min, con moita ansia de ler en liberdade. Lía poesía, algo de teatro e prensa cultural». Era a primeira década dos 70, a causa obreira, xuízos con condenas a morte, «foron momentos de ruptura absoluta do franquismo e fixen bastante actividade clandestina en edición de materiais e prensa antifranquista, reunións políticas».

Librou da mili e con 23 anos pensou en marchar a Francia, pero morreu o seu pai, «e iso condicionoume e reorientoume». Antón Costa tivo moi claro sempre qué escola quería traer a Galicia e qué pedagoxía buscaba. Xa daquela era secretario en Salamanca do grupo de Célestin Freinet, un pedagogo francés creador da chamada Escola nova. Sobre el fixo a tesiña, por certo presentada en lingua galega nesta universidade castelá. Porque foi, di, galego autodidacta, «aprendiamos o galego nos libros de Galaxia, que procuraba coidar a edición», apunta.

Esa idea de construír unha escola nova, activa, ao servizo das maiorías sociais, fíxoo entrar en contacto coa metodoloxía Rosa Sensat, as escolas familiares agrarias «e pensaba que estas escolas, das que había algo en Galicia, podían ser un lugar onde eu comezar a desenvolver a miña profesión inicial». Non foi así, pero si que chegou rápido a Santiago, primeiro xa desde Salamanca, vindo os fins de semana a algunhas cidades a falar sobre a pedagoxía Freinet, e logo como profesor adxunto interino con dedicación completa xa en Ciencias da Educación, sendo decano Carlos Baliñas.

Eran bos tempos para chegar á Universidade, polo menos para un perfil como o deste catedrático. «Eran bos anos para alguén que tiña unha licenciatura coa especialización de pedagoxía, e para alguén con ganas de incorporarse profesionalmente, no sentido de desenvolver a súa acción pedagóxica en Galicia», explica.

Así chegou, coas súas ideas na carteira, e con ganas de aplicalas na comunidade. Por iso cando en febreiro do ano 83 acudiu a Salamanca a un encontro estatal de renovación pedagóxica volveu co convencemento de reunir nunha casa común todos os movementos galegos como Avantar, Escola Dramática Galega, Xilbarbeira, Preescolar na Casa... Era o xerme de Nova Escola Galega.

Nome. Antón Costa Rico naceu en Cádiz pero chegou a Galicia xa con catro meses.

Profesión. Catedrático de Historia da Educación, foi un dos fundadores de Nova Escola Galega.

Rincón elixido. Mazarelos, «onde podo escoitar as risas dos nenos do XVI porque aquí estivo a primeira escola pública de Santiago, cos xesuítas; o instituto masculino, o ICE...».