María Jesús García: «Este curso finalizan os estudos máis de 170 novos técnicos sanitarios»

«Parte do alumnado de ciclos superiores queren repetir a selectividade», afirma a profesora do IES Lamas de Abade


SaNtIaGO / LA VOZ

Nas próximas semanas comezan a formación en centros de traballo (FCT) máis de 100 estudantes de ciclos de FP da familia sanitaria do IES Lamas de Abade. Xa as fixeron 76 nos primeiros meses do curso. Este é o último requisito para conseguiren o título, que lles abre as portas do mercado laboral: «Temos moi boa experiencia desde hai anos. O alumnado acode a empresas públicas, sobre todo o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS); e a moi diversas empresas privadas que colaboran. Vai bastante ben preparado e responde. De feito, moitas veces chaman ao centro para ofrecer máis posibilidades de prácticas», afirma María Jesús García, quen coordina esta actividade no centro.

Facer a formación en empresas esixe ter superados todos os módulos que se ensinan no IES Lamas de Abade, que tamén teñen unha importante parte práctica: «O persoal que formamos ten capacidade para sacar adiante moito traballo, e iso é moi apreciado», acrecenta María Jesús.

Hai dous períodos de FCT. De setembro e decembro, a maioría do alumnado que a fai estudan Auxiliar de enfermaría (45 esta vez) ou Emerxencias sanitarias (11 máis), os únicos ciclos non adaptados aínda á LOE, os dous de grao medio. E houbo 20 máis de titulacións de Farmacia, Próteses Dentais ou Saúde ambiental, que non as puideran realizar antes e que as adiaron para ese período. «A maioría do alumnado de Auxiliar de enfermaría fai esta formación no CHUS. Tamén foron algúns ao Hospital do Salnés, ao HM Rosaleda ou a clínicas dentais. Os estudantes de Emerxencias pasan todos pola Fundación de Urxencias Sanitarias 061, e tamén por empresas de ambulancias que teñen concerto co Sergas», indica a docente.

Porén, a maioría da FCT está por chegar: «Xa teño confirmación de 66 estudantes, 32 do ciclo medio de Farmacia e parafarmacia; 18 do superior de Anatomía patolóxica e 16 do tamén superior de Próteses dentais. E calculamos que entre os ciclos superiores de Documentación e administración sanitaria e o de Saúde ambiental achegarán uns 36 máis. Confiamos que todo este alumnado supere con éxito esta parte final da formación. Así, este curso finalizan os estudos máis de 170 técnicos sanitarios», indica.

O alumnado de Próteses dentais vai maioritariamente a empresas privadas, aínda que algún acode á Facultade de Odontoloxía da USC. O de Documentación sanitaria ten como destino diversos centros da sanidade pública, en hospitais e atención primaria. O de saúde ambiental vai a empresas do sector (de análise de auga, desratización e tarefas semellantes) e tamén ao Instituto de Acuicultura. Dos de Farmacia e parafarmacia, 8 van para a do CHUS e o resto para diversos establecementos da cidade e comarca. E os de Anatomía patolóxica van maioritariamente para a sanidade pública, que os distribúe en laboratorios do hospital e de investigación; e un grupo pequeno para a Facultade de Medicina e o Instituto de Medicina Legal de Galicia, esclarece María Jesús. «A maioría fan a formación entre este mes e xuño, depende das horas que teñan. Tamén valoramos que parte do alumnado de ciclos superiores quere repetir a selectividade e están pendentes das probas, e favorecemos que se presenten», indica.

Destaca que este ano principia un novo programa, para prácticas complementarias do alumnado de Farmacia e parafarmacia na farmacia do CHUS «que está aínda por desenvolver», di. María Jesús tamén coordina a FCT da familia de Estética (4 ciclos) «que é diferente, pois a maioría do alumnado é asignado a unha empresa concreta; só algúns balnearios e hoteis ou a televisión collen máis de un», afirma.

Docente. María Jesús García é profesora do ciclo de Anatomía patolóxica e coordina a formación en centros de traballo (FCT) no IES Lamas de Abade.

Prácticas. Este ano comeza un novo programa de prácticas complementarias no CHUS, para o ciclo medio de Farmacia e parafarmacia.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Santiago

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

María Jesús García: «Este curso finalizan os estudos máis de 170 novos técnicos sanitarios»