Alejandro Valcárcel: «Temos boa materia prima para poder facer unha ambiciosa ópera completa»

Joel gómez SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

PACO RODRÍGUEZ

O profesor do Conservatorio Profesional de Música explica que fixeron «Rita», de Donizetti, con alumnado e docentes do centro

28 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

No Conservatorio Profesional de Música de Santiago existe expectación ante o que consideran un dos proxectos máis importantes da historia do centro: a estrea, na próxima semana, dunha versión da ópera Rita, alicerzada nunha obra de G. Donizetti, feita entre alumnado, exalumnado e docentes. A primeira actuación será o 5 de marzo, ás 20.30 horas, no auditorio do centro. E teñen confirmadas xa tres máis: o día 7, en Cambados; o 8, de novo en Compostela, na Igrexa da USC; e o 11 en Noia, avanza Alejandro Valcárcel, profesor de fagot, quen se responsabiliza da dirección musical: «Este é un proxecto que naceu o ano pasado e onde participa alumnado que xa finalizou os estudos. Son unha orquestra de 15 músicos, a quen se lles propuxo intervir nesta actividade; e como cantantes a soprano Anna Melikhova e o tenor Christian Losada, que xa finalizaron os estudos; e o barítono Pablo Nieves, que estuda canto».

Outra profesora con papel relevante é Luz Alonso, que se ocupa da dirección escénica; e tamén salienta a Alba Díaz, como pianista e repertorista. A obra, explica Valcárcel «no texto orixinal está centrada nunha pousada, onde acontece a acción; por iso foi fácil facer a adaptación para ser ambientada no Camiño de Santiago. Mudamos a pousada por un hostel, máis contemporáneo. Así tamén conseguimos xuntar músicos e cantantes, o que é outra diferenza coas óperas tradicionais», acrecenta.

Esta última mudanza responde en parte ás posibilidades de que dispoñen: «nós non contamos cun foso para a orquestra, e hai moitos auditorios que non o teñen. Por iso fusionamos esa idea e integramos os músicos no palco». Os arranxos deste profesor tamén conseguiron reducir os integrantes da orquestra: «A orquestración de Donizetti é unha sinfónica, e a miña intervención foi para poder traballar con menos intérpretes. Hai que pensar que os espazos en que nos moveremos non son moi grandes, e que a nosa idea foi sobre todo pedagóxica, máis que de gran concerto; de aí a adaptación», indica.

Será una función «nun acto único, que durará unha hora ou pouco máis e que se representará en galego. É unha comedia chea de enredos, paixóns, desencontros. É un libreto do século XIX e hai personaxes bastante estereotipados», manifesta. Será tamén a primeira ópera deste profesor, quen dirixiu a orquestra do Conservatorio Profesional varios anos e participou noutros proxectos do centro. «A ópera é o máximo expoñente do mundo musical e no centro temos boa materia prima e canteira suficiente para poder facer unha ambiciosa ópera completa, como é esta. Porque a ópera implica representación, cantar, vestiario, iluminación, é un xénero que integra todas as disciplinas artísticas, e iso ten un aliciente e unha complicación. Entre o alumnado que está próximo a finalizar o grado profesional hai músicos preparados; e no departamento de Canto confirmaron que había tamén cantantes para facer esta representación. Para todos os que participamos será a primeira ópera completa», esclarece. Así, en outubro comezou o traballo de voz e de actuación primeiramente cos tres cantantes, e despois cos músicos da orquestra. Encomendaron a escenografía, o maior reto, a Carlota Salgado, tamén estudante de frauta e que fixo Belas Artes.

Gaetano Donizetti, considerado como «un dos pais da ópera romántica» e que mesmo chegou a ser nomeado «rei da ópera» finalizou a composición desta obra en 1841. Porén, a estrea foi póstuma. A. Valcárcel indica que xa se fixo en Galicia «lembro unha vez no Conservatorio Superior de Vigo».

Director. Alejandro Valcárcel dirixe a ópera Rita. Tamén se ocupou dos arranxos musicais e da iluminación.

A ópera. A próxima semana fan dúas representacións en Santiago: o día 5 no auditorio do Conservatorio Profesional e o 8 na Igrexa da USC.