Henrique Alvarellos: «O Obradoiro era a praza máis fermosa do mundo para Lorca e os seus colegas»

Joel gómez SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

PACO RODRÍGUEZ

O editor refire nun libro a primeira viaxe galega do poeta andaluz, que o impactou

23 feb 2018 . Actualizado a las 12:39 h.

«Levo 115 libros editados e con este estiven obsesionado para ben os dous últimos anos», afirma Henrique Alvarellos, ao falar do último volume que publica a súa editora, que el mesmo preparou. O tema é a primeira viaxe de Federico García Lorca a Galicia, en 1916, unha expedición de estudos con Martín Domínguez Berrueta, o seu profesor en Granada, e os cinco mellores expedientes da promoción. En Santiago, Lorca estivo tres días dos 24 que durou aquela experiencia, e a cidade causou fonda impresión en todos eles. «O Obradoiro era a praza máis fermosa do mundo para Lorca e os seus colegas. Vían unha España moi decadente, onde se estaba acabando co urbanismo medieval das cidades, e Santiago era a excepción, porque conservaba ben a esencia de cidade medieval única», afirma o editor.

Henrique Alvarellos traballou dous anos neste proxecto. O libro contén catro partes ben diferenciadas. A máis atractiva é a visión «directa e íntima» de García Lorca, en cartas e telegramas que enviou naquela viaxe, e tamén en diversos textos, entre eles os publicados en Impresiones y paisajes, o seu primeiro libro, editado por primeira vez en 1918, «en abril fará un século», indica.

As outras tres partes son «inicialmente, a crónica que publicou Luis Mariscal, quen era o discípulo amado de Berrueta, segundo un traballo do investigador Juan Luis Tapia, unha crónica difundida en xaneiro de 1917 na revista Lucidarium, de Granada, sen asinar. Porén, polas investigacións que realicei, con certeza que corresponde ao propio Berrueta. E recupero un artigo e fotografías sobre Santiago de Francisco López Rodríguez, outro dos expedicionarios, publicado en 1927», acrecenta Alvarellos.