María Carou: «Agora a droga está moi socializada, non só ten que ver coa marxinalidade»

JOEL GÓMEZ SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

SANDRA ALONSO

Tratan moitas persoas con trastornos psicóticos asociados á drogodependencia, afirma a directora da UMAD de Santiago

18 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A Unidade Municipal de Atención a Drogodependentes (UMAD) asistiu o ano pasado a 875 persoas, 818 usuarias de drogas ilegais e 57 das legais alcohol e tabaco. Desde que abriu, en 1986, a substancia maioritaria foi a heroína: «Os últimos anos vemos que o consumo está estabilizado. No 2017 tivemos 429 persoas consumidoras de heroína; 102 viñeron por problemas coa cocaína, 25 máis polo alcohol, e o resto combinaban diversas substancias», explica María Carou, coordinadora da unidade de día, onde se ocupan da asistencia.

-¿Como son as persoas usuarias?

-O perfil mudou moito. Aumentan as persoas consumidoras de cocaína, cannabis e alcohol. Mesmo antigos consumidores de heroína veñen agora por problemas coa cocaína. E tratamos moitas drogodependencias moi asociadas a trastornos psicóticos.

-¿Que trastornos psicóticos?

-Consumir drogas ten relación en moitas persoas con impulsividade, con procura de sensacións ou con problemas de autocontrol, que se incrementan co consumo. Chegan a nós trastornos de personalidade e perfís antisociais. Tamén persoas con personalidade dependente, como mulleres con dependencias emocionais, que sofren malos tratos, violencia de xénero, ou que consomen drogas e son nais. Cada persoa chega coa súa mochila de problemas, segundo a súa historia vital, familia ou educación; todo inflúe. Algunhas veñen moi traumatizadas desde a infancia, por sufriren abusos físicos, psíquicos ou sexuais. E tamén depende se teñen recursos familiares, emprego e responsabilidades, ou se non os teñen; ou se son adolescentes aínda non independentes, ou persoas sen lar.

-¿Predomina algún perfil?

-Hai máis varóns que mulleres, a relación é de 7 a 3. Porén, a maioría das persoas que acoden á UMAD xa non son consumidoras de heroína por vía intravenosa; agora a droga está moi socializado, non só ten que ver coa marxinalidade, ou co deterioro físico que caracterizaba a aquel colectivo. O perfil é máis amplo: hai máis profesionais e traballadores; persoas de máis idade, casos de cronicidade; reinicios de consumo que tiñan abandonado; ou que mudaron de substancia e teñen de novo problemas. Traballamos moito as recaídas. Mudou tamén o alcoholismo, agora máis asociado a outras substancias e tamén a beber moito en pequenos períodos de tempo.

-¿Que lles ofrecen na UMAD?

-Temos que nos adaptar a cada persoa. Ofrecemos atención personalizada para a parte psiquiátrica, psicolóxica, social e educativa, e hai un laboratorio para dispensar medicación, facer análises, ou distribuír xiringas ou preservativos. Diferenciamos entre desintoxicación, un proceso físico que se consegue nuns 15 días; e deshabituación, que é psicolóxica e leva máis tempo.

-¿Por que leva máis tempo?

-Porque consiste en mudar moitas cousas, sobre todo un estilo de vida que favoreceu o consumo por outro máis san.

-¿Canto tempo?

-Depende: algúns casos un ano, outros poden ser varios anos. Hai quen chega coa intención de deixar o consumo de forma drástica; ou quen non se propón a abstinencia e só paliar un tempo a súa situación por falta de diñeiro.

-¿Como se accede á UMAD?

-Poden pedir cita directamente. Moitas persoas chegan derivadas do hospital, de atención primaria ou de unidades de saúde mental. Tamén envían persoas os xulgados e a policía, ou veñen por recomendación familiar. Atendemos demanda de 43 concellos.

-¿Teñen relación co CHUS?

-O servizo de psiquiatría do CHUS é a nosa referencia. No hospital tratan persoas con adicción sen substancia, como ao xogo e Internet, ou só alcohólicas; o resto das drogas veñen á UMAD.

Especialista. María Carou, doutora en psicoloxía pola USC, coordina a unidade de día da UMAD.

Equipo. Na UMAD traballan 17 profesionais de 10 modalidades diferentes.

Asistencia. Atenderon en 2017 a 875 persoas, 429 consumidoras de heroína.