María Luísa del Río: «O peregrino é moito máis esixente co comercio e coa restauración da cidade»

Joel GÓMEZ SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

XOAN A. SOLER

Unha investigación da profesora na USC ve comportamentos diferenciais entre quen visitan Compostela

01 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

«As persoas que chegan como peregrinas a Compostela manifestan maior satisfacción co transporte público, e o resto de visitantes salientan máis a variedade da oferta de restauración e comercial. O peregrino é moito máis esixente co comercio e coa restauración da cidade» conclúe María Luísa del Río, profesora da Facultade de Económicas, a partir do estudo dunha mostra de 2.081 visitantes elaborada hai tres anos polo Grupo Galabra da USC. «Estudamos as respostas de visitantes do resto de Galicia e de España, e de Portugal e Brasil, que eran na altura os países de procedencia, europeo e non europeo, da maioría das persoas visitantes. Concluímos que existen comportamentos diferenciais entre peregrinos e non peregrinos», afirma esta docente.

Así «nas actividades culturais, os peregrinos visitan máis os museos e van máis a concertos. Os non peregrinos prefiren o cinema, o teatro, sen se centraren nun contedor cultural concreto, e acoden máis a exposicións. Os peregrinos optan pola programación cultural máis permanente, e os outros visitantes por programas culturais concretos, que dependen das datas e das épocas».

Verificaron así mesmo que comen diferente. «Os peregrinos declaran que consomen máis marisco e van máis a locais a beber algo, e os non peregrinos fan máis consumos de doces, cafés, tapas, racións e pinchos en xeral, son máis de pequenas porcións». E varían ao comprar produtos de alimentación: «Os peregrinos escollen máis pan, empanadas, licores, tortas de Santiago e queixos, e os non peregrinos carnes, mariscos e peixes, que levan sobre todo para consumiren fóra de aquí», detalla Del Río.

A pesquisa observou igualmente «patróns diversos de gasto segundo o país de orixe. Así os peregrinos portugueses e galegos gastan algo menos en transporte na cidade que os non peregrinos. E os peregrinos españois e brasileiros gastan máis en transporte que os non peregrinos. No caso dos brasileiros gastan moito máis, en taxis basicamente, talvez porque sexan persoas de máis renda, ou porque pola súa procedencia perciban as cidades como máis inseguras».

En aloxamento «galegos e portugueses son tamén iguais, sexan peregrinos ou non. Dos patróns de consumo de brasileiros e españois, notamos en xeral que os peregrinos van máis a pensións e hostais, e os non peregrinos brasileiros a hoteis. E os españois máis onde amizades e familiares. Iso desbota certas ideas sobre visitantes e turistas. Porque sempre se pensou que o peregrino gastaba menos en aloxamento. Porén, o que non se valoraba tanto era que moitos non peregrinos viñan a casas de amizades e familiares. Esta investigación está alicerzada en metodoloxías científicas, non ten que ver con saberes populares baseados en crenzas que ten a xente pola súa experiencia ou por intuicións», esclarece.

Ven tamén motivacións para facer o Camiño que difiren entre países: «Galegos e portugueses son máis excursionistas, e os brasileiros veñen máis por espiritualidade, non exactamente por crenzas relixiosas, pois moitas das súas referencias están vencelladas á literatura de Paulo Coelho, que é moi de espiritualidade, maxia ou templarios. A propia igrexa sabe que as motivacións son non só relixiosas. Alén dos libros, inflúen moito os filmes, películas ou discursos dominantes sobre o Camiño».

María Luísa avanza que «o paso seguinte é vermos que imaxes e discursos están detrás destes comportamentos, con que idea veñen da nosa cidade; iso ten moita relevancia. Daremos con respostas a moitas cuestións, porque temos entrevistas para mellorar as informacións. A imaxe que levan quen nos visitan ten consecuencias para o futuro, porque vai determinar o que digan de Compostela», manifesta.

Docente e investigadora. María Luísa del Río é profesora da área de comercialización na USC. Foi edila de Santiago (2011-2012).

O proxecto. O Grupo Galabra investiga os últimos anos os comportamentos das persoas (peregrinas e outras) que visitan Compostela. Ten financiamento estatal recente, para 4 anos máis de estudos.