Luís Pasín: «As ilustracións de Camilo Díaz Baliño no cárcere evidencian un gran artista»

JOEL GÓMEZ SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

XOAN A. SOLER

Defende que se expoñan os retratos de presos que fixo en 1936 nos baixos de Raxoi

30 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

«En 1975, polos vínculos de amizade entre as familias Díaz Baliño e Pasín Romero, coñecín e comecei a relación persoal con Isaac Díaz Pardo», afirma Luís Pasín. E no tempo que estivo como edil, desde 1979, estreitaron o contacto. Camilo Díaz Baliño, o pai de Isaac, era funcionario do Concello de Santiago, e coincidiu con Xosé Pasín Romero, o avó de Luís, concelleiro naquela altura. Iso levou a que Isaac lle dixese un día que «somos irmáns na desgraza»; e que lle relatase detalles da biografía de Camilo, a quen hoxe se lle dedica o Día Galego da Ilustración. Luís Pasín falou deses asuntos en xaneiro do ano pasado, en Boisaca, no quinto aniversario da morte de Isaac; e as súas palabras foron publicadas máis recentemente.

Así, Luís salienta a noite en que Díaz Baliño foi fusilado «por tres falanxistas, xa mortos, o Solla, o Xerpe e o Baluxa, tras ser expulsado á forza do cárcere de Santiago, pola media noite. A súa morte aconteceu o 14 de agosto de 1936, na estrada de Santiago a Lugo, no lugar de Meixide, en Palas de Rei», lembra.

«O noso artista mártir, nos días que pasou no cárcere dos baixos de Raxoi, fixo retratos de compañeiros, a maioría deles pasados tamén polas armas. Dous deles foron os meus tíos Marcelino e Modesto Pasín. No retrato de Modesto puxo ‘el malo’, porque era comunista, para facer contraste co outro irmán, que era máis tranquilo. Os mesmos asasinos de Camilo Díaz Baliño tentaron tamén pasear ao meu pai, que foi salvado polo sarxento Méndez da Guarda Civil», indica.

Luís Pasín era un neno naquela altura; porén, ten moi gravados na memoria episodios moi fortes: uns porque os viviu; outros porque llos escoitou ao pai e, en especial, ao avó.

Tamén coñece ben traballos artísticos de Díaz Baliño. Entre os máis emblemáticos está, sen dúbida, o cartel do Estatuto de Autonomía de Galicia de 1936, elaborado na rúa Hortas de Compostela. Porén, reivindica aqueles traballos no presidio, porque «as ilustracións de Camilo Díaz Baliño no cárcere evidencian un gran artista tamén», indica. Díaz Pardo deixou escrito que eran 27, nun álbum; porén, cederon unha delas, porque lla pediron. As outras 26 viaxaron coa familia de Isaac, quen na República Arxentina lle entregou o álbum a Luís Seoane, e este deixou disposto que pasasen para o arquivo do Museo Carlos Maside.

Eses 26 retratos, algúns con comentarios de Díaz Baliño, foron publicados por Xerardo Díaz Fernández, indica Luís Pasín. «Recuperar eses retratos, para que se conservasen e se expuxesen en Santiago, penso que sería moi valioso; porque aquí se fixeron e son do maior interese. Esa é unha xestión que se debería facer, polo seu valor para a cultura galega e para a nosa memoria. Tamén se terían que recuperar outros elementos do exilio, que están fóra, porque son un patrimonio entendo eu noso, para que servisen de conciencia do que fixeron aquelas xentes. Eses valores debían ser ben coñecidos polas novas xeracións. Hai unha parte da historia pendente aínda por recuperar. Estaría ben que se fixese coincidindo con que o presidente do Goberno de España naceu en Compostela, e o seu avó loitou polo Estatuto; iso suporía tamén recobrar a súa memoria, xunto coa doutras persoas que traballaron por este país».

Luís Pasín fala disto en Santa Marta, nun lugar próximo a onde naceu. Alí veñen á súa memoria moitas lembranzas, algunhas moi impactantes: «Na miña familia sempre se falou de non esquecer, e tamén de non odiar; defendemos o diálogo, que este país prospere, e que nunca se repitan desgrazas como aquelas», di.

Luís Pasín. Próximo a completar 84 anos, foi edil nas seis primeiras corporacións democráticas de Santiago, desde 1979.

Díaz Baliño. O artista ao que hoxe se lle dedica o Día Galego da Ilustración foi o pai de Isaac Díaz Pardo, por quen Pasín conseguiu informacións valiosas.