Emilio Carral: «O Camiño pode ser moi importante para dinamizar a produción agrícola»

joel gómez SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

Alberto López

O profesor da USC defende «favorecer a nosa propia identidade» pensando na demanda dos peregrinos

25 ene 2018 . Actualizado a las 08:54 h.

«Partindo de entrevistas a visitantes, residentes e comerciantes no Camiño de Santiago, investigamos para coñecer se as demandas gastronómicas dos visitantes e o que lles oferta a hostalaría teñen que ver coa capacidade de produción de cultivos de alimentos da comarca de Compostela», explica Emilio Carral, da área de Ecoloxía da USC. Esta tarde intervén en Filoloxía, no segundo encontro internacional da Rede Galabra, que xunta docentes e investigadores de universidades galegas, e outras de Portugal, Brasil ou Oxford.

-¿Colaboran ben especialistas de enxeñaría e de filoloxía?

-Co meu colega Xoán Carlos Carreira, o noso obxecto de estudo é a agricultura. Os últimos anos entramos en Galabra, porque é un grupo moi interdisciplinar; con sede en Filoloxía e especialistas doutras áreas. Nós estudamos sistemas culturais e comunidades; a relación do uso do territorio e o aproveitamento dos recursos cos sistemas culturais. De aí ven o noso interese sobre o Camiño de Santiago neste proxecto con Galabra.

-¿Onde está o interese?

-O Camiño pode ser moi importante para dinamizar a produción agrícola na comarca. Se os visitantes demandan produtos que se cultivan nun radio duns 60 quilómetros, iso axudaría a fomentar que se producisen máis; favorecería circuítos curtos de comercialización, o que tamén é importante; e contribuiría para manter sistemas culturais asociados á explotación dos recursos, e que os visitantes apreciasen a relación entre a explotación agrícola e o sistema cultural.

-¿Non acontece así?

-Estamos comezando o estudo e vemos situacións moi dispares. Hai demanda de produtos que se subministran sen problema na zona de Santiago; e outros que parte dos visitantes valoran como propios de aquí e non o son, como a paella.

-¿Como explica iso?

-Traballamos para coñecer onde e como se informan as persoas que nos visitan, por exemplo en libros ou produtos audiovisuais. A nosa idea é utilizar a demanda do Camiño para favorecer a nosa propia identidade, tanto cultural como de produción de alimentos naturais de maneira sustentable; e unha mellor comercialización. E para que o dinamismo do Camiño axude a un desenvolvemento da actividade agraria.

-¿Que produtos se poderían favorecer e beneficiar diso?

-Sobre todo os de horta e a carne das nosas gandarías. Mesmo o mexillón, que se cría no Barbanza, a poucos quilómetros de Compostela, e que é moi descoñecido. Hai capacidade para subministrar unha maior demanda das persoas que fan o Camiño.

-¿Teñen algunha proposta?

-Estamos a ver diferenzas entre a oferta específica para peregrinos en moitos establecementos, e o menú do día de restaurantes orientados para a xente de aquí. Estes últimos son máis os normais do pais; para os peregrinos hai tendencia a ofrecer produtos que non son de aquí. Iso tería que mellorar.

-Perante realidades como o minifundio defenden «pasar dunha actitude baseada na queixa polo noso atraso a outra de orgullo polo que temos», ¿como é iso?

-O minifundio tamén ten que ver coas características da terra para os diferentes cultivos. Ese é un criterio básico na agricultura non industrial; pois a industrial procura sobre todo o beneficio económico; e as explotacións galegas de tamaño familiar reparten beneficio a máis xente e axudan a crear comunidade, a producir cultura. E iso é un valor para sentirmos orgullo, non un atraso. Existe un discurso que non se corresponda coa realidade, e unha realidade que está necesitada dun discurso propio.

Docente e investigador. Emilio Carral pertence, en Lugo, á área de ecoloxía da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC.

Proxecto. Participa tamén en estudos sobre os camiños de Santiago, que promove o grupo de investigación Galabra, de Filoloxía.