«Como todo consumo, o do café ten que ser tamén con responsabilidade»

joel gómez SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

PACO RODRÍGUEZ

Farmacéutico formado en Santiago, xefe na multinacional Nestlé Nespresso, aconsella adaptar a nutrición

30 ene 2018 . Actualizado a las 16:18 h.

«O meu traballo consiste en contribuír para que a empresa poda comercializar un produto conforme a todas as leis de todos os mercados, en calquera parte do mundo. O que muda é a embalaxe, escrita na lingua de cada país, e están dispoñibles en moitos idiomas, aínda que todas coa mesma información», explica Carlos de la Cruz. Onte regresou á Facultade de Farmacia da USC, onde se licenciou e doutorou, para falar ao alumnado do Máster de Innovación en Nutrición, Seguridade e Tecnoloxía Alimentaria, que seguen 18 estudantes nos campus de Santiago e Lugo. Agora traballa en Lausana (Suíza) como xefe de normas alimentarias na multinacional Nestlé Nespresso. «Antes de pertencer a esta empresa xa comprara a máquina e consumía o seu café en cápsulas», di.

-¿Como foi a traxectoria para chegar de Compostela a Suíza?

-Ao finalizar o doutoramento, no departamento de nutrición e bromatoloxía da USC, traballei en diversos proxectos europeos, con bolsas, e ampliei a formación nos Estados Unidos. En 2003 comecei a traballar no centro de investigación de Nestlé, en Lausana, onde estiven 5 anos. Despois pasei a outros postos, na parte de nutrición e de tecnoloxía, xa máis relacionada co café e coas máquinas. E no 2014 foi a miña incorporación a Nespresso, que fai parte do grupo Nestlé.

-¿Son iguais as cápsulas de café nos diferentes países?

-A nosa empresa foi a primeira que fixo café en cápsulas e non hai unha normativa específica para este produto. Si a hai para o café, e temos que nos adaptar a todas as normativas vixentes.

-¿Cal é a vantaxe das cápsulas?

-Se a cápsula ten suficiente capacidade de protección, permite gardar a calidade do café moito máis tempo. E o aluminio dá mellor calidade de protección.

-No entanto, houbo polémica sobre a reciclaxe dos residuos.

-Un produto pode ter potencialidade para ser reciclado e non haber infraestrutura nun lugar determinado que permita ese reciclado. Cada comunidade ten a liberdade de facer as súas normas para reciclar. En Suíza, por exemplo, extraen da cápsula o café usado, que utilizan para abono ou combustible, e reciclan o aluminio. Alí podes deixar as cápsulas usadas na caixa do correo e o propio servizo que distribúe as cápsulas recolle as usadas.

-¿É moita a oferta de produtos en cápsula?

-Hai café, té, leite en po, chocolate, sopas... penso que todo o que é soluble se pode presentar en cápsulas. Hai mesmo biberóns, que facilitan a elaboración, cunha tecnoloxía diferente á da máquina de café. O que se fan son sobre todo bebidas.

-¿É unha boa saída a nutrición para quen estuda Farmacia?

-A nutrición ten cada vez unha maior importancia. Vivimos máis tempo, e vemos que é importante saber adaptar a nutrición aos diversos períodos da vida e mesmo do ano; así, no inverno cómpre tomar máis vitaminas que protexan dos constipados, por exemplo. A xente que come e vive ben, cunha boa dieta e con exercicio, chega a vella en mellores condicións.

-¿Canto café se pode tomar?

-Hai unha recomendación da Axencia de Seguridade Alimentaria Europea, tras un estudo recente, que conclúe que é seguro consumir até 400 miligramos de cafeína ao día. Depende de cada quen. E, como todo consumo, o do café ten que ser tamén con responsabilidade. Se alguén ten dúbidas debe consultar co seu médico, para que lle diga.

-¿Ten perigos?

-O café é ben coñecido e, cando se consome normalmente, non ten riscos. Hai estudos que conclúen que mellora a atención ou a capacidade de concentración.

Especialista. Carlos de la Cruz García é licenciado en Farmacia e doutor no departamento de Nutrición e bromatoloxía da USC.

Profesional. No ano 2003 comezou a exercer na multinacional Nestlé, e desde o 2014 desempeña unha xefatura en Nestlé Nespresso.