Agustín Hernández: «O goberno local é exemplo do que eles dicían que era a peor vella política»

Ignacio Carballo González
ignacio carballo SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

Sandra Alonso

Afirma que Compostela Aberta trata de atribuírse iniciativas do PP ao tempo que despreza aos miles de veciños que votaron ao seu partido

21 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Non elude o pasado porque non ten nada que agochar. Acaba de cumprir tres anos e medio no Concello, o primeiro deles como alcalde chegado para xestionar unha situación excepcional pola crise dos tres primeiros anos do anterior mandato, circunstancia que os seus oponentes, nomeadamente o goberno de Compostela Aberta (CA), lle botan en cara. Agustín Hernández (Madrid, 1961) non evita o corpo a corpo; é máis, semella que se sente cómodo exercendo, nos momentos clave, a oposición única en Raxoi.

-O mércores, no pleno, vostede emendou, máis que os orzamentos, a totalidade da xestión do goberno de Martiño Noriega, incluso a actuación do PSOE e do BNG.

-Fixen unha descrición do que acontece no ámbito político do Concello e algunha reflexión a respecto de cuestións numéricas do orzamento, que o goberno non foi capaz de rebater: incremento dos contratos a dedo, das subvencións nominativas sen plan estratéxico, a respecto do amiguismo... Agora mesmo o goberno de Santiago é un exemplo do que eles dicían que era a peor vella política.

-E a oposición?

-É curiosa a crítica mordaz de Rubén Cela e a de Paco Reyes, incluso a tentativa do señor Reyes de atribuírse practicamente todas as iniciativas e os investimentos que fai o goberno, cando o que ten que explicar á cidade é por que dende maio do 2016 o grupo socialista ten tres concelleiros en vez dos catro. Estamos ante unha anomalía democrática que lle permite ao señor Noriega gobernar con moitísima máis comodidade.

-O PP intenta chegar a acordos con CA ou mantense o «cordón sanitario» ao seu arredor como denunciou no inicio do mandato?

-Intentámolo sobre cuestións importantes para a cidade. Onde o goberno oferta diálogo, nós estamos. Nós estivemos na negociación dos primeiros orzamentos de CA, sen ningún tipo de condición a priori; nestes do 2018 o goberno o único que fixo foi remitir por correo electrónico que trasladáramos as nosas prioridades. Nós respondemos pero non fomos convocados a ningunha xuntanza. Desprezar aos miles de veciños e veciñas aos que nós representamos é decisión do goberno.

-Viu vostede un proxecto de cidade de CA?

-A cidade non ten liderado nin coñecemos un proxecto de futuro nas cuestións transcendentes. Iso é o máis grave deste goberno. Tivo unha primeira parte deste mandato absolutamente caótica e logo, é certo, foron mellorando o seu coñecemento da xestión diaria do Concello pero, tras ese caos inicial, o que debería ser normal, a xestión do mantemento, a execución de obras longamente agardadas, parece que é o excepcional. O remate de Montero Ríos, proxecto licitado polo goberno do PP, non debería ser excepcional; Carretas, Patio de Madres, Castrón Douro... Non é un baño de autoestima, son actuacións froito do traballo dos funcionarios do Concello. É curioso que CA trate de atribuírse proxectos que son da época do PP.

-A renda social.

-A renda social, o mundial de xadrez... Non é cuestión de concelleiros, o é da maquinaria administrativa do Concello. Eu xa dixen que ese mandato foi complexo, que o PP cometeu erros e temos recoñecido eses erros e temos pedido desculpas á cidade; tamén é certo que houbo cuestións alleas ao PP, pero CA ten que ser honesta coa maternidade das actuacións. Eu podo criticar erros da campaña Compostela en Negro, como o amiguismo na elección da estrutura para xestionala, pero non vou dicir que foi idea do PP. Exactamente igual, CA debería dicir que a renda social foi iniciativa dos funcionarios e funcionarias dos servizos sociais do Concello. O mesmo co aparcadoiro da avenida da Coruña.

-Entón era o PP quen estaba en mellor disposición para devolverlles a confianza aos funcionarios?

-Teño interiorizado e escoitado en diferentes ámbitos que a normalidade a Compostela chegou coa miña alcaldía. Foi complicado, foi duro, pero acadamos un nivel de comprensión e interacción co tecido funcionarial positivo para a cidade. Iso mudou coa chegada de CA. O gran reto que ten esta cidade é optimizar, modernizar a estrutura municipal, que é consecuencia dunha forma de entender a política municipal en tantos anos de gobernos do PSOE con apoios do BNG.

-Semella que Noriega navega agora con calma, incluso cunha certa brisa favorable, cara ao ano electoral do 2019. Vai ser vostede quen de amargarlle esa viaxe?

-O alcalde ten un momento doce, probablemente. Aprobou os orzamentos, conseguiu que a visión da cidade sexa que a normalidade é a excelencia. De aquí ao 2019, eu vou intentar dúas cuestións: defender que Santiago é a capital, que non pode estar no conformismo, na tristura, no gris permanente, e que ten que ter un proxecto de futuro co que os cidadáns recuperarán a ilusión de Santiago, de capital e de ser santiagués. Iso Noriega non o ten. Que posición ten sobre cuestións importantes de futuro para a cidade?

-A depuradora, por exemplo.

-Sería o colmo que o alcalde non estivese preocupado. Pero despois de dous anos non teño claro cal é o seu posicionamento.

-Non ten dúbidas sobre a seguridade xurídica do proxecto, que si ten o alcalde?

-Está acreditado no BOE que están identificados os lugares de Ames onde pode haber algún impacto, está no expediente de impacto ambiental, que tivo un percorrido, con todos os informes, e tivo unha declaración favorable, sen tacha, con menos alegacións das que tivo no seu día a depuradora da Silvouta. É curioso que movementos ecoloxistas que foron consultados polo ministerio cando iniciou a tramitación do Souto e non responderon, agora digan que a tramitación non foi a correcta e que non é a ubicación axeitada. Obviamente, como en calquera expediente administrativo, o percorrido é longo e poderá haber recursos. Non existe unha soa depuradora neste país que non teña oposición de alguén. Temos que ser realistas: se non tomamos unha decisión xa, Santiago non vai ter depuradora.

-Vostede tería asumido o cofinanciamento da pasarela da intermodal e da depuradora?

-Podo concordar en asumir o pago do 30 % da pasarela se non tivésemos a cláusula de acadar os 3,5 millóns de pasaxeiros para iniciar a obra [da estación definitiva do AVE]. E non aceptaría pagar o 20 % da depuradora pero apoiaría sen fisuras, iso si, a ubicación do Souto. O Concello debería ter un consenso claro a respecto de apoiar a única ubicación que nestes momentos conta con viabilidade ambiental e pelexar para acadar o mínimo financiamento por parte do Concello.

«Noriega conseguiu que a visión da cidade sexa que a normalidade é

a excelencia»

«Santiago non ten liderado nin un proxecto de futuro nas cuestións transcendentes»

«Presentaremos unha candidatura fondamente renovada no 2019»

Agustín Hernández, enxeñeiro e xestor de infraestruturas como director xeral e conselleiro durante doce anos, móvese con soltura neste eido, e utilízao como exemplo de falla de liderado de Martiño Noriega, citando proxectos das administracións central e autonómica, a área intermodal e as entradas dos Camiños de Santiago na cidade: «O alcalde ten que liderar os proxectos, ser coprotagonista, asumir os éxitos e estar preparado para asumir os erros».

-Cal é o grao de compromiso do Goberno central con Compostela?

-Hai actuacións innegables. En materia viaria, xa inauguradas; orzamentariamente aparecen reflectidas a meirande parte das actuacións que precisa Santiago, pero hai ámbitos nos que o compromiso orzamentario necesita un impulso, que é a tramitación. Nese aspecto o ministerio debería incrementar a súa sensibilidade.

-Un exemplo de escaso custo, o remate da rotonda de Conxo.

-Aquí tamén boto de menos un traballo máis intenso da alcaldía, porque é fácil posicionarse ideoloxicamente, pero en Madrid hai un goberno, é certo, e tamén unha estrutura administrativa que é necesario coidar, perseguir, insistir, pelexar. Nós botamos en falla máis traballo de oficina.

-E outro elevado: o orbital.

-Está ben que o orbital estea recollido nos orzamentos, pero eu, ata que vexa a licitación no boletín, non felicitarei ao ministro.

-E o compromiso de Feijoo?

-Queda acreditado en cuestións como a estación de autobuses, a Facultade de Medicina, o novo San Caetano, co acceso ao Gaiás, coa posta en valor responsable da propia Cidade da Cultura, e con cuestións menos vistosas como as bonificacións fiscais para o Xacobeo 2021. A Xunta ten unha vontade clarísima de facer un gran Xacobeo 2021 e estamos no punto de non retorno para apostar por ese evento. Quedan tres anos e o Concello debería involucrarse máis.

-Vostede foi alcalde en xullo do 2014 inesperadamente. Podería inesperadamente non ser candidato no 2019?

-No 2019 presentaremos unha candidatura fondamente renovada e pensada para Santiago. O PP ten que concitar a ilusión de todos aqueles que están en contra do movemento asembleario, destes movementos instalados na vella política e que agochan unha dose de extremismo que nós non compartimos de ningún xeito.

-Pero o seu horizonte é ser candidato, supoño.

-[Sorrisos] O horizonte é seguir traballando para facer a mellor oposición e para conformar o mellor proxecto para Compostela.