María Xosé Blanco: «Os pais e as nais buscan recursos para esa tarefa tan difícil que é educar ben»

joel gómez SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

PACO RODRÍGUEZ

Foi a relatora nas sesións que promoveu a Fanpa para a comunicación con escolares

17 ene 2018 . Actualizado a las 23:40 h.

Aínda que a cultura da comunicación e da información é central na sociedade actual, as dificultades para un axeitado entendemento entre os pais e as nais cos seus fillos en idade de escolarización obrigatoria parece que mesmo aumentasen. Por iso, e co obxectivo de axudar para unha mellor convivencia na familia, a Federación de Asociacións de Nais e Pais (Fanpa) de centros públicos de Santiago organizou catro sesións orientadas para as familias do alumnado de primaria. A psicóloga María Xosé Blanco foi a relatora e insistiu en que «para a boa comunicación cos fillos hai que utilizar estratexias eficaces. Porque hai quen pensa que falar para é o mesmo que falar con, e é diferente», afirma.

A Unidade Municipal de Atención a Drogodependentes (UMAD), onde exerce María Xosé Blanco, organizou o curso pasado encontros en diversos centros de ensino de Santiago: «Procurabamos a motivación, e dun deles saíu a proposta de organizar estas sesións neste curso sobre estratexias de comunicación. Observamos como os pais e as nais buscan recursos para esa tarefa tan difícil que é educar ben».

As catro sesións comezaron o trimestre pasado. Estiveron alicerzadas «nunha metodoloxía activa e participativa. Traballamos moito sobre exemplos concretos e mesmo as persoas que participaron levaron tarefas para pór en práctica na casa», manifesta María Xosé. Así, acrecenta, «falamos de como recoñecer e expresar sentimentos, como estimular a autonomía de escolares ou como contribuír para a súa autonomía desde o reforzo da autoestima entendida como capacidade que vaian desenvolvendo. Ou tamén como resolver pequenos conflitos». Onte, no encontro final, abordaron tamén «como eloxiar boas condutas de forma eficaz».

A UMAD e a Fanpa están a ultimar agora unha nova oferta de actividades, orientadas para pais e nais de centros de secundaria. María Xosé avanza que «tratarán de complementar o estudo que fixo a Unidade de Psicoloxía do Consumidor e Usuario da USC sobre hábitos de consumo de drogas e uso problemático de Internet entre adolescentes de sete institutos da cidade. Xa se comunicaron os resultados globais, e a cada centro. E tamén houbo intervencións nas aulas co alumnado. Agora pretendemos completar a formación este trimestre a través da Fanpa».

Nos próximos días prevén anunciar esta nova programación «para a que hai moito interese, pois moitas persoas teñen a sensación de que existen máis dificultades de comunicación con adolescentes, e non é necesariamente así», indica.

María Xosé salienta igualmente o esforzo da Fanpa para favorecer a participación nas actividades que concluíron onte, e o feito de que «mesmo funcionase un servizo de ludoteca para facilitar a conciliación». A mensaxe central, afirma, foi que «para abordar as dificultades de comunicación dun xeito eficaz hai que partir de que comunicar consiste máis en intercambiar, en saber dialogar, que non en dar e en impor mensaxes aos fillos».

Entre as persoas que asistiron a estes encontros estivo Eva Vila, quen defende o interese de saber falar cos fillos e favorecer que transmitan as súas preocupacións, ou conseguir que respondan cando se lles pregunta, para que exista un bo entendemento. Tamén Natalia Fernández, para quen «é importante que haxa espazos como estes encontros, onde poder compartir inquietudes sobre a paternidade e a maternidade, e escoitar propostas e ideas que axudan a entender mellor o proceso evolutivo dos nosos fillos e fillas», manifesta.

A especialista. María Xosé Blanco é psicóloga e traballa no equipo de prevención da Unidade Municipal de Atención a Drogodependentes (UMAD).

Programa. As sesións para a Federación de ANPA (Fanpa) diferencian alumnado de primaria e secundaria.