Marta Darriba: «A ANPA do Pío XII é como unha empresa, dependen de nós 16 empregos directos»

JOEL GÓMEZ SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

xoan a. soler

A nova presidenta da ANPA A Ferradura do colexio público de Santiago afirma que «temos pais e nais moi implicados e lista de espera para entrar na directiva»

06 ene 2018 . Actualizado a las 23:52 h.

Das 7.45 ás 9.00, e das 14.00 ás 18.00 horas, as actividades do colexio público Pío XII están organizadas pola Asociación de Nais e Pais (ANPA) A Ferradura, que ten directiva recente. Marta Darriba, a nova presidenta, di que «para min foi unha sorpresa ver que isto é como manexar unha empresa, pois dependen de nós 16 empregos directos, alén das actividades que xestionamos directamente con autónomos e empresas. Somos unha entidade sen ánimo de lucro, altruísta. Temos responsabilidade sobre bastante diñeiro, e o noso balance é sempre positivo, con liquidez importante para afrontar continxencias que poda haber».

A actividade da ANPA principia coa organización de madrugadores, para atender o alumnado os 75 minutos previos ao inicio das aulas: «é un servizo con moito éxito, que usan uns 140 escolares a diario, aos que se suman quen o fan esporadicamente».

Das 14.00 ás 16.00 horas xestionan o comedor escolar: «é moi grande, sobre 350 comensais a diario. Implica moita disciplina e unha dinámica moi ensaiada. Nel traballan as 16 persoas que temos contratadas; e merece que se destaque o traballo de dúas empregadas, que teñen maior responsabilidade e que coñecen a cada escolar con nome e apelidos, as súas características persoais; elas son fundamentais».

Ao acabar de comer hai unha parte lúdica, que cobren con monitoras/es; e un servizo de biblioteca. Despois, das 16.00 ás 18.00, é o tempo das actividades extraescolares «e temos cubertas todas as tardes da semana. Case todas son de xestión directa nosa; e só facemos mediación para algunha, como coa piscina da USC».

Marta destaca que este curso innovaron a oferta de teatro en inglés «e con moi boa acollida, con moita demanda de diferentes idades. Continuamos con actividades de éxito en anos anteriores, como robótica; e tamén hai judo, xadrez, patinaxe, hóckey, ballet, melodía e canto, inglés lúdico para reforzar o ensino deste idioma, e outras».

Hai actividades onde poden compartir interese o alumnado e os seus pais e nais «como unha intervención de Guillermo Cánovas, en outubro, sobre o uso seguro e con responsabilidade da rede Internet e para promover o uso saudable da tecnoloxía».

Unha singularidade da oferta desta ANPA é a de minicampus, en colaboración coa USC: «están orientados a escolares de quinto e sexto de primaria. O ano pasado foi un éxito o primeiro, na Facultade de Psicoloxía; e estamos a ultimar outro, coa de Ciencias da Comunicación», avanza Marta, quen profesionalmente é xornalista de Televisión de Galicia.

O traballo da ANPA «non é simple, porque procuramos o mellor para os nosos nenos, e xestionamos traballadores e pais. Somos once na directiva, a quen nos move a ilusión, tentamos buscar a complicidade de todos os pais e nais, e co traballo que fai o colexio. Entendemos que unha ANPA debe ser dinamizadora. E temos pais e nais moi implicados e participativos, e lista de espera para entrar na directiva, que se renova con eleccións». Na actual directiva dividen os traballos e as diferentes funcións. Tamén se interesan pola formación do persoal contratado, que teñen encomendada a un gabinete psicolóxico «e houbo unha sesión ao comezo destas vacacións», acrecenta.

Entre os retos máis inmediatos, Marta cita dous: «Impulsar Colecamiños, conservando as rutas actuais, que están ben, e vendo a posibilidade de máis, tendo en conta que moitos pais e nais traballan na USC ou no hospital e residen fóra da zona de influencia do colexio» e «aproveitar as posibilidades que ofrece a Fanpa [Federación de ANPA de Santiago] e intensificar as relacións con ela», manifesta.