«Hai que rachar co das obras no rural e a cultura na cidade»

Susana Luaña Louzao
susana luaña SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

xoan a. soler

Resalta o boa sintonía co PSOE: «Houbo un acordo claro para dar autonomía aos concellos e cúmprese»

31 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Dous anos despois do acordo entre o PSOE e o BNG para xestionar a Deputación da Coruña, a súa vicepresidenta, Goretti Sanmartín, valora de xeito positivo o pacto. «Estaba moi claro respecto do que queriamos facer nas deputacións. Era un acordo marco no que quedaba claro que había que darlle máis autonomía aos concellos». A tamén concelleira do Bloque no Concello de Santiago asegura que ese pacto «estase a cumprir».

-Como acadaron os concellos máis autonomía?

-Creamos o Plan Único, o POS+, que chegou para quedar e que engloba once liñas de subvencións antigas máis o antigo POS. É unha ferramenta moito máis fácil de xestionar para os concellos, porque nós aprobamos os orzamentos [176 millóns para o 2018] e xa saben cal é a cantidade da que van dispor. Ademais, o plan está aberto para que en calquera momento se lle podan sumar remanentes e facer unha nova distribución con criterios obxectivos que foron consensuados hai anos por todas as forzas políticas e dos que non hai dúbidas, e poden decidir os concellos en que o gastan, se invisten en gasto corrente, en obras, en servizos sociais, en cultura... Logo, hai unha segunda parte na que se organiza o que eran as subvencións nominativas a través de liñas competitivas. Por exemplo, no caso da área de Cultura, a cantidade que se daba para subvencións nominativas quedou reducida; andaba polo 30 % e este ano andamos no 3 %. Nós propuxemos reducilas ata un 5 %, unha cantidade necesaria para cuestións excepcionais, como colectivos que non puideran acollerse a outras axudas. Fronte a iso creamos liñas en concorrencia, dicindo que elementos pensamos que había que apoiar; por exemplo, en cultura, para fundacións, para museos e centros de interpretación, para grupos de baile tradicional... Coas ideas claras e que a xente saiba a que se vai presentar e para que.

-Que quedou no tinteiro?

-As transferencias que queríamos facer á Xunta de Galicia, como centros de día ou centros de ensino que aínda ten a Deputación, ou mesmo cuestións de patrimonio que entendiamos que debería xestionar a Xunta. Pero non puido ser, non hai posibilidade de establecer esa negociación.

-Santiago sae bastante favorecida no reparto, non?

-Santiago xa sabe que para o ano que vén ten unha partida de máis de 1,7 millóns. Hai un criterio que lle favorece, que ten moita poboación rural. As deputacións naceron para axudar aos concellos de menos de 20.000 habitantes e non ás cidades, pero Santiago ten un rural importante, o ano pasado obtivo máis de dous millóns só a través do Plan Único. Así que todas as obras do rural están a ser financiadas pola Deputación da Coruña, chámese mellora dos accesos en Marrozos, saneamento en Aríns, pistas deportivas e de lecer en Lavacolla, obras na Gracia e na Peregrina... Hai moitísimas obras que está executando o Concello financiadas pola Deputación. Ademais, Santiago concorreu a liñas competitivas; por exemplo, dende Cultura tivo unha axuda importante na liña de festivais, cunha subvención de 90.000 euros para Curtocircuíto, e por primeira vez entrou Cine Europa, con 72.000. Aparte, temos un convenio especial co Auditorio de Galicia de 180.000 euros, porque entendemos que é supralocal. E subvencionamos o Centro Sociocultural do Ensanche e os centros do rural, así como colaboracións como a do centenario de Chané ou o de Rosalía de Castro. E outras liñas, como a contratación de técnicos de animación cultural, un programa pensado para concellos máis pequenos, pero como consideramos preocupante o descenso do número de galegofalantes, reforzamos tamén as cidades.

-Facendo uso desa autonomía, que fixeron os concellos cos cartos?

-A maior parte investiuse en obras no rural, porque entendían que era necesario darlle un empuxe. Aínda que eu xa trasladei en distintos ámbitos no Concello de Santiago que me parecía que había que facer un esforzo para que a xente do rural acuda tamén aos programas culturais, que hai que rachar co das obras no rural e a cultura na cidade. Así como ao revés, que debería haber propostas para que a xente que vive no casco urbano coñeza o rural, hai xente que leva toda a vida en Compostela e non coñece a riqueza nin o patrimonio do rural.

-O BNG avogaba por suprimir as deputacións e agora está nos gobernos das deputacións. Segue a pensar o mesmo que antes?

-O BNG entende que as deputacións deben desaparecer, que o lóxico sería que fosen os concellos os que xestionasen directamente eses recursos, pero mentres existan non imos renunciar a democratizalas.