«Os servizos a persoas son o sector con máis oportunidades en Santiago»

JOEL GÓMEZ SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

PACO RODRÍGUEZ

Itziar Villar Bermejo, técnica de Acción contra a Fame, presentó un estudio sobre oportunidades de negocio en Galicia

29 dic 2017 . Actualizado a las 18:36 h.

O perfil de persoa desempregada en Santiago non ten moito que ver con outras zonas de Galicia. Aquí hai demandantes con moi alta formación. É un perfil que non ten identidade ou relación coa cidade, xa que son persoas que viñeron para estudar e comezan a buscar traballo, sen vocación para se asentaren na cidade, senón para utilizar os servizos da mesma como unha plataforma para conseguir o éxito. Esta é unha das moitas ideas que Acción contra a Fame inclúe no Estudo de oportunidades de negocio en Galicia, que presentou recentemente. «Esta investigación está dentro do programa Anima Galicia, para o fomento do autoemprego e das iniciativas empresariais na comunidade. Tivo financiamento da Fundación Incyde, das Cámaras de Comercio, e do Fondo Social Europeo» afirma Itziar Villar, unha das técnicas que elaborou o relatorio.

Dedican especial atención e unha maior profundidade a tres comarcas «e unha delas é a de Santiago, con participación da Asociación Galega de Cooperativas Agrarias, a Asociación de Executivas de Galicia, o Concello de Compostela, ou a Xunta», explica.

Como principal conclusión salienta que «os servizos a persoas son o sector con máis oportunidades na comarca de Santiago. Aí están incluídas actividades para o envellecemento activo, condución e acompañamento de maiores, axuda a domicilio, fisioterapia, coidado de menores ou actividades extraescolares; e tamén servizos de limpeza ou pasar o ferro no lar, bricolaxe ou xardinería. Ese é un nicho de mercado e unha gran oportunidade de negocio. Hai moita xente maior que precisa coidados e faltan residencias para todo ese colectivo; alén de que non todo o mundo se pode permitir pagar unha residencia, nin ao mellor queren iso», afirma. E iso abre portas mesmo a novas profesións. Así, cita o caso, nun concello limítrofe con Compostela «dun terapeuta ocupacional, que se dedica a favorecer a maior autonomía de persoas tras un accidente ou tras pasar moito tempo no hospital; esa é unha profesión aínda pouco coñecida», afirma.

Outros sectores relevantes en Santiago e comarca son os de servizos profesionais, comercio, o industrial e auxiliar, e o madeireiro: «hai cada vez maior necesidade de deseñadores, asesores, psicólogos, fisioterapeutas ou avogados. No sector comercio ten interese o orientado á produción ecolóxica ou á agroalimentación, pois hai máis persoas que consomen produtos de proximidade, o que abre oportunidades a pequenos agricultores. Aquí tamén vemos interese na loxística e no transporte; e na madeira, en actividades relacionadas coa actividade de Finsa», indica Itziar.

As persoas que entrevistaron destacaron, por exemplo, que o sector que máis valor engadido achega á economía de Compostela é o industrial, non é o turístico ou o de servizos «e ás veces parece que estamos afogando un pouquiño ese sector industrial, como que non lle damos as condicións para medrar». Referiron igualmente como un «problema estrutural» o de vivir en torno ao funcionariado da Administración Pública e da USC; ou a dificultade para traballar coa xuventude, en especial nas zonas máis rurais.

Itziar manifesta así mesmo que «vimos que existen barreiras para emprender, como o descoñecemento das posibilidades que ofrecen recursos existentes, a aversión ao risco, a falta de coordinación entre os concellos e os programas orientados a promover chan industrial, o problema que supón moitas veces enfrontar un elevado investimento inicial, a falta de especialización, ou barreiras legais. E en ocasións, tamén por deficientes infraestruturas tecnolóxicas», manifesta esta especialista.

Especialista. Itziar Villar é emprendedora e técnica da organización humanitaria internacional Acción contra a Fame.

O estudo. O «Estudo de oportunidades de negocio en Galicia» presta especial atención á comarca de Santiago. Foi financiado pola UE e Cámaras de Comercio.