Fernando Rey: «Formamos alumnado entre 3 e máis de 80 anos que non vén por un título»

JOEL GÓMEZ SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

SANDRA ALONSO

Destaca as posibilidades de compartir agora sede co centro de Altos Estudos Musicais

23 dic 2017 . Actualizado a las 09:35 h.

«Este edificio ten agora moita máis vida», afirma Fernando Rey, trompetista e director da Escola Municipal de Música, ao ser preguntado polo primeiro trimestre en que compartiron sede coa Escola de Altos Estudos Musicais, en Vista Alegre. «Agora continúa a vir xente nova, que finalizou os estudos superiores e acoden para se especializaren no centro de Altos Estudos Musicais. E o noso incorpora estudantado moi diferente: formamos alumnado entre 3 e máis de 80 anos que non vén por un título, senón por moi diversos intereses pola música. Ensinamos en 20 especialidades, para as que traballamos 21 docentes», acrecenta.

A pesar do pouco tempo con que realizaron a mudanza, este verán, desde as anteriores instalacións que compartían co colexio Apóstolo Santiago, resultou ben, manifesta: «Comezamos o curso sen demora, e fixemos toda a programación. En outubro iniciamos os concertos, cunha actuación no exterior, orientada para a veciñanza, con participación de case todas as nosas agrupacións. E fixemos microconcertos na festa de Santa Cecilia, participamos na campaña Compostela en negro e en actividades por vítimas da violencia de xénero, ofrecemos un concerto para o cuarto ciclo da USC, as audicións trimestrais, ou unha actuación de panxoliñas hai uns días».

A Escola ten 420 estudantes. En xaneiro prevé un incremento, para participar nun novo ciclo de cámara «que se abre para o alumnado e para persoas do exterior, co obxectivo de formar pequenos grupos, a partir de 4 músicos: de trompetas, de metais, de vento, de corda ou outros. O curso pasado con esa oferta aumentou o alumnado e confiamos que agora aconteza o mesmo. E para o próximo curso temos a vontade de incrementar a matrícula, pois tanto o Consorcio como o Departamento Municipal de Educación, que xestionan os dous centros que agora compartimos sede, están a favor diso», di.

De feito, acrecenta, para o ciclo de cámara que principia en xaneiro «xa poderemos dispor de dúas aulas máis. E de se organizaren ben as actividades e os horarios, entendo que o edificio ten aínda máis posibilidades».

Fernando defende que a Escola Municipal de Música teña una asociación de nais e pais do alumnado. Nos finais do curso pasado foi considerada esa posibilidade «e estaría ben que se constituíse». As familias do alumnado utilizan o estacionamento do Auditorio de Galicia varias horas pola tarde, excepto os días de concerto; e tamén se lle habilitaron algúns espazos para que podan esperar.

A Escola Municipal funciona sobre todo en horario de tarde. Só ten algunhas aulas, para alumnado adulto, os martes pola mañá: «como dispomos dunhas salas de uso exclusivo no segundo andar, non temos problemas. A maioría dos espazos do edificio son compartidos entre os dous centros. Nós gañamos en metros, aínda que contamos cos mesmos espazos que na Almáciga. Unha gran vantaxe é que aquí en todas as salas de aula hai piano. Na Escola Municipal existe unha enorme satisfacción pola situación actual, polas moitas posibilidades que se nos ofrecen; hai unha sensación moi positiva, e a boa relación coa Escola de Altos Estudos Musicais favorece que sexa así».

Fernando Rey pensa que «existen moitas posibilidades de colaborarmos entre os dous centros. O noso profesorado xa se beneficiou nestes meses de formación con grandes solistas internacionais que veñen dar cursos de especialización ao centro de Altos Estudos Musicais. E temos a idea de que o seu alumnado poda relatar a súa experiencia e traxectoria ao noso, que expliquen o camiño para chegar a ser profesional da música».

Docente. Fernando Rey é de Vedra. Especialista en trompeta, dirixe a Escola Municipal de Música.

O centro. Funcionou desde comezos deste século na Almáciga. En setembro mudou a sede, para Vista Alegre, que agora comparte coa Escola de Altos Estudos Musicais.