Áurea considera que «todas as persoas de Santiago deben saber das Marías que foron mulleres no final da súa vida pobres, e penso que frustradas. É lóxico pensar que tiñan entre as súas expectativas, como as mulleres do seu tempo, a de casar, e como non se cumpriu iso foi unha frustración. E penso que viviron mal, porque a súa casa foi asaltada na procura dos seus irmáns, fuxidos por causa da súa ideoloxía, polo que se sentiron violentadas no seu lar, que era o seu refuxio, onde vivían cos seus pais. Non lles importaba parecer tolas, o importante era que o irmán estivese a salvo, entendo eu. Viviron humilladas por seren dunha familia que tiñan perseguidos políticos. A xente próxima á ideoloxía dos seus irmáns contan que quedaron sen traballo, tiveron que vivir ao final da caridade da xente ben de Santiago, que podía reunir alimentos, roupa e produtos de primeira necesidade, cando elas xa non cosían. Perderon o posto de traballo polas represalias políticas contra os irmáns Non sabemos se elas foron de esquerdas. Por certos escritos que hai, e respostas que deron, parece que si o foron. Un documento xornalístico de Borobó fai pensar que eran conscientes da situación da familia, da vixilancia e control que había sobre elas, e do por que diso», acrecenta.
Áurea di que lle foi «difícil investigar». Falou coa familia e con persoas que as coñeceron e trataron, consultou publicacións sobre elas, e valora que «o monumento da Alameda é un recoñecemento, no tempo de Xerardo Estévez, por considerar que formaban parte da memoria popular e que as había que lembrar».