«A Catedral e Airas Nunes impactaron no brasileiro Guilherme de Almeida»

Publica en São Paulo un libro do tempo do exilio do autor, cando visitou Galicia

.

santiago / LA VOZ

A visita que realizou a Galicia en 1933 o brasileiro Guilherme de Almeida (1890-1969), no tempo do seu exilio en Portugal, e o intenso contacto con persoas da cultura galega, así como o impacto que lle causaron a catedral de Santiago e a poesía de Martín Códax e Airas Nunes, son referidos por Isabel Morán Cabanas, xunto con Ulisses Infante, actual docente da Universidade Estadual Paulista, en O meu Portugal. Este libro recolle produción xornalística do recoñecido autor brasileiro naquela altura. A edición foi apoiada pola Secretaria da Cultura do Estado de São Paulo.

-¿Por que este libro agora?

-Este libro tivo unha primeira publicación en 1933, e agora facemos unha edición comentada, cun amplo estudo introdutorio e notas explicativas. Guilherme de Almeida é un autor que está no canon da literatura brasileira. A súa produción está recoñecida en diversos ámbitos, sendo pioneiro nalgún deles e foi coroado en 1958 como Príncipe dos Poetas Brasileiros. O tempo que pasou no exilio, en Lisboa, por causa da súa oposición á ditadura de Getúlio Vargas, foi unha experiencia moi positiva.

-¿Por que positiva?

-Porque sentiu unha especie de redescoberta, fala dun encontro cun patrimonio común, coas orixes. O último artigo, Por estradas portuguesas, relata unha viaxe, de Lisboa a Valença do Minho. E despois veu a Galicia.

-¿Como resultou esa experiencia galega?

-Moi interesante. En Vigo estivo con Valentín Paz Andrade, quen lle presentou a Castelao, a Colmeiro e a Laxeiro. Prolongou a amizade con Paz Andrade o resto da vida, mesmo escribiu unha carta-prefacio para Sementeira do vento, libro publicado por Galaxia, e participou na edición pentalingüe de Pranto matricial, dous volumes significativos de Paz Andrade. Tiveron outros intereses comúns, como Guimarães Rosa, outro autor central da literatura brasileira, de quen se ocupou moito Paz Andrade.

-¿Ten presenza na obra de Guiherme de Almeida aquel contacto con Galicia?

-Si que ten. Alén do xa indicado con Paz Andrade, con quen tamén tivo contacto epistolar, no ámbito da poesía Almeida é un dos representantes do movemento coñecido como neotrobadorismo; e só o practicou á que podemos considerar maneira galego-portuguesa despois desa viaxe a Galicia. Por iso, a exposición sobre as cantigas de Martin Códax e o pergamiño Vindel, que está agora en Vigo, dan unha dimensión de actualidade á súa obra. A primeira parte do seu discurso de ingreso na Academia Brasileira de Letras foi un verdadeiro canto á comunidade galega, que tamén está ben presente nos seus traballos xornalísticos; ou na relación que tivo coa emigración galega e coas súas sociedades. E tamén estivo en Compostela.

-¿Está Compostela na produción literaria de Guilherme de Almeida?

-Está. A Catedral e Airas Nunes impactaron moito nel. Airas Nunes é un dos autores medievais que glosa con preferencia na súa obra poética. E a visita á catedral de Santiago, da que fala no seu epistolario, levou a que tamén investigase sobre a orixe do seu apelido por vía materna, Andrade, como patronímico galego.

-¿Por que chamou a súa atención, para investigar, este autor brasileiro?

-Cando, hai xa algúns anos, comecei a estudar o neotrobadorismo a partir da lírica galego-portuguesa, que é un movemento internacional, vin moito interese, e moi atractiva, a súa produción nese ámbito e por iso o estudei. Almeida é un prototipo de individuo cosmopolita, con intereses moi amplos na cultura: na arte, na tradución, na crítica cinematográfica, e outros moitos.

Docente. María Isabel Morán Cabanas é profesora na Facultade de Filoloxía da USC.

Investigadora. Colaborou en estudos con especialistas de Portugal, como José Eduardo Franco, e con Yara Frateschi Vieira e Ulisses Infante (colegas seus na USC hai anos), de Brasil. Publicou outros estudos sobre De Almeida no 2007 e 2010, en Brasil e Santiago.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos
Comentarios

«A Catedral e Airas Nunes impactaron no brasileiro Guilherme de Almeida»