Arte ensinada

Tamara Montero
Tamara Montero CUATRO VERDADES

SANTIAGO CIUDAD

06 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Sempre está ela. Cando o autobús enfila San Roque asómase á porta do convento de Santa Clara, sinalando as figuras xeométricas, falando do barroco de placas. Ao fondo das escaleiras do Arco de Xelmírez, acenando coa cabeza para facernos ver cos nosos propios ollos unha bóveda de crucería, que non é máis que dúas bóvedas de canón entrelazadas. Dicindo que o CGAC apagara un pouco a luz dese recuncho único que é o convento de San Domingos, que iso a tiña algo enfurruñada. Cada vez que chove tan miudiño que a Quintana queda esluída ao mirala dende a Casa da Parra, e todo brilla con ese gris da poalla, o mesmo gris co que Monet pintou o porto do Havre sen saber que era o impresionismo o que debuxaba. No Toural, levantando a vista para compadecerse un chisco do Atlas, e despois cruzar a porta cara a un mundo onírico, paseando polo surrealismo que habita no Pazo de Bendaña. E agora aparece nos escaparates do Ensanche, que chaman a pasear, a Pasearte, porque andan estes días invadidos pola arte contemporánea. A que a profesora Nieves Modia tan ben nos contaba. E como lles viña o sentido todo a aquelas cores, a esas formas cando ela as explicaba. E aínda vexo ese brillo na voz. E aínda escoito o tremor na súa mirada. Sorrí dende o outro lado do vidro, sinalando para a obra, animándome a imaxinar o que o artista pensaba. E parou un pouco na técnica, mirando se a composición é triangular, diagonal ou compensa por masas. Ata que chega outro paseante. Que tamén lle bota unha ollada. E alí, diante do escaparate, espero que tivera unha profesora como a miña. Artista do maxisterio. Escultora de vocacións. De docencia emocionada.