O monte Pedroso, sen árbores

quique alvarellos

SANTIAGO CIUDAD

Fotógrafo: Manuel Chicharro (Arquivo do CSIC-IEGPS).

Nunha panorámica de Manuel Chicharro de 1909

03 dic 2017 . Actualizado a las 14:20 h.

Costa imaxinalo, pero velaquí a proba. Nesta imaxe de Manuel Chicharro do verán de 1909. O Monte Pedroso totalmente pelado, sen unha soa árbore. A fotografía está tomada dende a nova escalinata da Alameda (en primeiro plano) que se construíu precisamente para a histórica Exposición Rexional Galega daquel verán. Fronte a ela vemos a praza principal da Expo, presidida por esa cúpula do edificio que máis admiración esperara nos visitantes: o pavillón do Centro Galego da Habana. Esta construción reproduce, a pequena escala, o espectacular inmoble de mármore que, cos cartos da emigración galega, se estaba a erguer por aqueles días na capital cubana. E, ao fondo, o Pedroso inédito. Non hai eucaliptos, non hai piñeiros, non hai acacias... O vello monte se debuxa totalmente espido ante nós.

Reparemos en máis curiosidades: por exemplo, na senda que aparece ben definida á dereita da imaxe. Ascende polo que hoxe sería a contorna da Granxa do Xesto, e non é outra que o Vía Crucis. Precisamente aquel 1909, en maio, o cardeal Martín de Herrera inauguraba, nun acto ao que seica asistiron miles de persoas, como ten estudado o catedrático José Manuel García Iglesias nos seus traballos sobre o Franciscanismo galego. Porque a tradición franciscana sostén que no Pedroso foi onde, en 1209, meditou San Francisco de Asís e decidiu pór en marcha a súa Orde.

Por outra banda, se nos fixamos, no cumio do monte aparece unha fina silueta, é o gran cruceiro que hoxe preside a montaña (competindo actualmente coas antenas de telecomunicacións). Esa gran cruz de pedra instalouse no ano 1900 para celebrar o inicio do século XX e seguindo as directrices do papa León XIII, que propuxera erguer cruces de homenaxe «nos montes máis altos da Cristiandade».

Hoxe, como sabemos os que nos gusta percorrer o monte, o Vía Crucis está vivo, é posible seguilo polo ronsel dos catorce cruceiros que marcan o seu sentido. (Aínda que algún deles está mancado ou amputado). Polo camiño, teremos unha experiencia de bosque ben distinta á que obterían, un século atrás, os primeiros en ascender por estes lares. Para imaxinarnos un Pedroso pelado abonda con subir hoxe, por exemplo, ao monte Viso, a outra das grandes panorámicas de Compostela. Ou ollar con calma esta imaxe, que, por certo, se destinaría tamén a postal promocional daquela inesquecible «Exposición Regional y Artística» de 1909.