Xigantóns e portadores en 1922

Quique alvarellos

SANTIAGO CIUDAD

Luís Ksado

Trátase dun espectáculo que se remonta a 1660 en imaxe de Ksado

26 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai catro figuras ben singulares posando nesta imaxe de Luís Ksado. Dúas parellas un tanto miméticas diante do gran fotógrafo. Viaxemos ao verán de 1922. Estamos diante da Porta Real da Catedral, na praza da Quintana, e o pasarrúas dos Xigantóns das Festas do Apóstolo está a piques de comezar. Ksado retrata aos catro: diante, os portadores, preparados para iniciar o seu traballo. Observemos a súa expresión: non están para festas, aínda que a festa se respire arredor. Canda eles, as enormes figuras duns catro metros de altura, neste caso a célebre parella de monarcas da África (ese continente que, por certo, naqueles días, estaba en plena guerra contra España e Francia: a sanguenta e longuísima Guerra do Rif, a sublevación de Marrocos).

Esta imaxe de Ksado apareceu publicada, xunto con outras tres máis das outras parellas de xigantes, na revista Vida gallega do 15 de decembro de 1922, baixo o epígrafe «Galicia pintoresca. Personajes populares». No pé de foto descríbese: «Los famosos gigantes que pasean las rúas santiaguesas, tropezando aquí y allá con los aleros, durante las fiestas en que se repica gordo».

O espectáculo dos Xigantóns ten en Santiago de Compostela unha historia ben antiga. Hai datos deles de 1660. Son tradicionalmente oito -catro parellas-, que representan aos peregrinos que veñen, de todos os continentes, render tributo ao apóstolo Santiago. No seu pasarrúas pola Quintana e arredores toparanse cos Cabezudos, unha tradición máis recente pero non menos rechamante.

Os xigantes orixinais, realizados polo escultor Mateo de Prado, seica pereceron nun incendio no século XVII. Logo, Clemente Fernández Sarela reconstruíunos no XVIII e, sobre eles, xa en 1993, o escultor César Lombera fixo unha copia facsimilar en fibra de vidro, que é a que hoxe sae polas rúas. (Mais aínda se conservan, gardadas, as pezas de Sarela).

Agora estamos en novembro, e os xigantóns agardan calados no interior da Catedral, ata que a Ascensión primeiro, e logo o Apóstolo, os revivan como merecen. Aquí quixemos espertalos, dalgún xeito, xa hoxe.

editor@alvarellos.info