«Coa orquestra do Pórtico descubrimos sons novidosos»

O gaiteiro destaca que o concerto desta noite explorará a conexión entre as músicas medievais e a actual galega

.

«Estou tan ilusionado como cando gravei o meu primeiro disco». Son palabras do gaiteiro Carlos Núñez sobre o concerto desta noite na Catedral no que estará acompañado pola orquestra do Pórtico da Gloria e que dirixirá xunto a Jordi Savall. Unha actuación que pecha os actos do 30 aniversario da declaración do Camiño como primeiro itinerario cultural.

-¿Cal vai ser a principal diferenza co concerto do 2016?

-O ano pasado era un gran misterio e un grande risco porque non sabiamos como soaría esa orquestra. Foi a primeira vez que se puxeron todos os instrumentos do Pórtico a funcionar xuntos. Era unha gran presión e, ademais, non sabiamos se seriamos capaces de afinalos porque é moi complicado. Milagrosamente, foi empezar a dar as primeiras notas e descubrir un mundo de cores, de sons novidosos. É algo moi diferente ao que estamos acostumados. Afortunadamente, xa pasou un ano e todo isto seguiu perfeccionándose. Ademais, nesta segunda edición temos a Jordi Savall como invitado especial acompañado do seu grupo Hespèrion XXI, que é un «all stars» da música antiga. Vai ser un privilexio ver a estes especialistas da música medieval e antiga tocando estes instrumentos do Pórtico xunto con xente de Galicia. Isto está tomando unha dimensión moi novidosa. Neste concerto imos ir máis alá.

-O programa será distinto.

-No repertorio vai ter especial peso o Códice Calixtino e as cantigas medievais. Un momento especialmente potente vai ser cando toquemos as sete cantigas de Martín Códax completas. Imos ter voces distintas, desde pandereteiras ata Dulce Pontes. Isto cocíñase porque Savall é un especialista en música medieval que entende que hai vasos comunicantes entre a música tradicional galega e as antergas, que chegaron pola vía escrita e oral. Grazas á nosa música tradicional, a ese patrimonio oral, temos a clave para darlle vida a músicas de hai mil anos. En Galicia, temos ese gran tesouro que son os códices, a tradición oral e, ademais, a orquestra máis antiga do mundo, a do Pórtico. Contamos con todas as ferramentas para facer algo marabilloso.

-¿Dáselle o valor que ten a esa música medieval?

-Creo que depende de como se fagan as cousas. Se atopas algo atractivo e que comunique coa xente, todo cambia. Cando estudaba gaita dicíanme: «A parte disto, ¿vas facer unha carreira?». ¡Quen me ía dicir que a gaita ía ter tantas posibilidades para desenvolver! Galicia xa fixo a labor máis importante: conservar vivas todas estas músicas e todos estes tesouros orais, que a meirande parte de Europa perdeu. Outros países teñen moita envexa. Estamos falando de mil anos de música. A nosa música é unha máquina do tempo porque sempre estivo aí, adaptándose as modas. Por iso este concerto vai ser importantísimo. Tamén é un espaldarazo que nos está facendo Savall a esa idea que nós tiñamos de que todo está conectado e perdurou dende hai mil anos e continúa adaptándose.

-¿Que supón traballar con Jordi Savall?

-Coñecino hai vinte anos cando gravaba Santiago. Propúxenlle colaborar con nós e díxome: «Tienes que encontrar la pieza que me enamore». Tardei sete anos en conseguila. O ano pasado quería vir e non puido. El sempre tivo unha sensibilidade polas músicas célticas, pola música galega. Entón, traelo á Catedral de Santiago vai ser elevar os instrumentos do Pórtico da Gloria en mans dun «number one» e vai ser a música máis bela do mundo.

Oitocentas persoas asistirán á actuación

O concerto O Camiño de Santiago e os instrumentos do Pórtico da Gloria contará coa participación de músicos de varios países expertos en música antiga, entre eles, membros do grupo Hespèrion XXI, que está dirixido por Jordi Savall. Interpretarán máis dunha ducia de pezas a partir das 21.30 horas na Catedral compostelá ante oitocentas persoas.

Vive Camino

Toda la información sobre el Camino de Santiago en Vive Camino

Votación
7 votos
Comentarios

«Coa orquestra do Pórtico descubrimos sons novidosos»