«Neira de Mosquera ten importancia para toda Galicia»

SANTIAGO CIUDAD

cedida

Recompilou nun libro, que se presenta hoxe, vinte textos do escritor e xornalista compostelán

22 nov 2017 . Actualizado a las 23:00 h.

19.30 horas • Fundación Torrente Ballester • O filólogo Xurxo Martínez González rescata a figura do escritor e xornalista compostelán Antonio Neira de Mosquera (Santiago, 1823-A Coruña, 1854). O libro Galicia ante todo, coeditado por Alvarellos Editora e o Consorcio de Santiago, será presentado esta tarde. Nel recóllese un ensaio sobre a súa figura e vinte textos sobre o Rexurdimento que escribiu o xornalista.

 

 

 

-¿Por que é difícil acceder a estes artigos?

-Porque moita prensa en que publicou non está en Galicia, incluso algunha da que está é de difícil acceso. O que fixemos foi unha busca de hemeroteca dixital. É difícil porque tes que ir número a número.

-¿Por que rescatar a figura de Neira de Mosquera?

-A principal inquietude é ofrecer a un público xeral un material de interese sobre o Rexurdimento e, ao público máis especializado, o acceso a aqueles textos que teñen máis relevancia na vida de Neira de Mosquera e, por tanto, do seu tempo. Neira de Mosquera é unha das pontes que une a Xeración de 1846 e a de 1856, as principais do Rexurdimento pleno.

-¿Non está recoñecido?

-De Neira téñense valorado os seus traballos históricos sobre Santiago, como o seu famoso libro Monografías de Santiago, pero non se puxo en valor a súa figura. Destácase o libro polo que achega de historia, de tradición..., pero non se valora a súa figura na globalidade. Dende os primeiros textos, nos que había prosa, textos políticos, costumistas, satíricos...; ata a última etapa da súa vida. O que se pretende agora é amplificar a súa figura para que se vexa que non é un historiador local, senón que ten importancia para toda Galicia.

-¿Cales considera que son as súas principais contribucións?

-A primeira é a súa contribución ao deseño do imaxinario nacional colectivo, a idea de Galicia. Recupera e pon en valor as figuras costumistas: o gaiteiro non era un galego analfabeto, pasa a ser símbolo da identidade de Galicia. O segundo que destacaría é o seu traballo a favor da opinión pública provincialista, a creación dunha prensa comprometida con Galicia.

-¿Que textos destacaría?

-Dous. Un titúlase Apuntes para una historia de la literatura gallega. Nel establécese por primeira vez que a literatura galega é a que se escribe en galego, que é o que se usa agora. O segundo é El provincialismo gallego porque define e organiza unha proposta de pensamento provincialista e faina despois da Revolución de 1846 e a represión posterior.