Luís Seoane no Santiago de 1930

En 1926 inaugura en Compostela a súa primeira exposición


O peitoril da Fonte dos Cabalos, nas Praterías, é o sostén fotográfico por excelencia da historia moderna de Compostela. Quen non se retratou aquí? Que dirían estas augas fuxidías, se falasen?

Hoxe viaxamos aos inicios do universo en cor de Luís Seoane. O gran editor, pintor e dinamizador cultural. Nacido en Bos Aires (1910) fillo -por parte de pai e nai-de emigrados da comarca compostelá, axiña quixeron que volvese ao país. No instituto Xelmírez cursou o seu bacharelato e iniciou a súa paixón creativa. E na USC, a carreira de Dereito e o seu activismo político e cultural.

En 1926 inaugura en Compostela a súa primeira exposición. «Santiago foi decisivo na miña galeguidade. Santiago é decisivo sempre», confesaba a Víctor Freixanes en 1976 (para o libro Unha ducia de galegos).

E chegamos ao 1930, data da fotografía de hoxe. Porque o ano 30 foi un punto de inflexión da historia última de Santiago. O propio Luís Seoane definiu eses días como os dun «renacemento cultural e social na cidade». Unha urbe con 43.000 habitantes e uns 1.300 universitarios. Lembremos que caera a ditadura de Primo de Rivera e asomaba a República (por certo, nas eleccións municipais de abril do 31 Compostela votou claramente republicano -19 candidatos fronte a 11-).

A nosa imaxe publicouse en 1994 na Fotobiografía que preparou Edicións Xerais co gallo das Letras Galegas para Seoane (a copia aquí reproducida foi cedida pola Fundación Seoane, que hoxe, dende a Coruña, mantén acesa a memoria e a obra do artista). Aparece Luís á dereita, apiado no peitoril da Fonte dos Cabalos de Praterías. Ten 20 anos. Canda el, Luís Manteiga, escritor e dramaturgo compostelán, íntimo amigo de pintor, un gran renovador da prosa e do teatro galegos, hoxe moi esquecido (agás para a filóloga Laura Tato, da Universidade da Coruña, que o leva estudado a fondo), e no no medio, Héctor Raurich, filósofo e avogado arxentino, troskista, de viaxe aqueles días por España. Nunha carta a Seoane escribe Raurich: «Santiago puede estar tranquilo. Quien llega a amarla, le guarda siempre fidelidad esencial».

Luís Seoane marcharía ao exilio co golpe do 36. Ao seu Bos Aires natal, onde sería un dos grandes protagonistas da resistencia galega á ditadura. Regresa ao país en 1963 e pon en marcha, con Isaac Díaz Pardo, numerosos proxectos culturais -Edicións do Castro, o Laboratorio de Formas de Galicia, Museo Carlos Maside e a restauración de Sargadelos- como querendo apurar todo aquel tempo xa sen retorno (un cuarto de século) fóra da Terra. Falecía inesperadamente uns 15 anos despois, na Coruña, aos 69 anos.

En 1930 -aquí, pousados na Fonte dos Cabalos de Praterías-, tiñan todo por vir. O bo e o malo. Seoane, en ambos contextos, percorrería dende aquí unha peripecia vital e profesional única, extraordinaria.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Santiago

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
6 votos
Comentarios

Luís Seoane no Santiago de 1930