Espírito «beatle» na Alameda

Quique alvarellos

SANTIAGO CIUDAD

chema rios

Os Quarrymen, fundados por Lennon no 56, en Santiago hai tres anos

22 oct 2017 . Actualizado a las 10:10 h.

Antes de ser The Beatles eran The Quarrymen, o grupo orixinal fundado por John Lennon en Liverpool en 1956, o conxunto que logo daría lugar ao cuarteto máis famoso do século XX e onde tocaron, á parte de Lennon, Paul McCartney e George Harrison. Tres dos compoñentes orixinais daquela formación visitaron Santiago hai tres anos, na primavera de 2014.

Aquí os temos fotografados por un dos mellores fans do grupo, o doutor ­-e músico- compostelán Chema Ríos, posando na estrutura máis musical da Alameda, o palco. De esquerda a dereita, Colin Hanton, Len Garry e Rod Davis. Colin, o do extremo esquerdo, foi o primeiro batería de John Lennon, Paul McCartney e George Harrison, antes da incorporación de Pete Best e logo xa con Ringo Starr, é dicir, una boa parte da historia do pop e do rock do século XX asomábase neste intre ao palco da Alameda.

The Quarrymen actuaron no Auditorio de Galicia, ante unas 800 persoas, o 1 de xuño de 2014. O festival foi organizado por Acordes pola Paz, asociación sen ánimo de lucro da que é responsable Chema Ríos, e a recadación ía destinada a Médicos sen Fronteiras. Presentounos Julia Bird, irmá de Lennon e interpretaron as cancións que soían tocar con John. O día anterior (venres) actuaron en Luar. O tamén moi veterano programa da TVG que presenta Xosé Ramón Gayoso. ¡Qué señor tan amable!, dixéronlle a Chema Ríos. O certo é que Luar foi o único espazo televisivo que lles fixo caso en toda España.

John Lennon nunca chegou a coñecer Galicia, pero estivo moi preto. Conta a historia o xornalista (lugués de Vilalba) Antonio Domínguez Olano (falecido hai cinco anos), na súa biografía sobre Salvador Dalí, de quen foi secretario e amigo íntimo. Ao parecer, a mediados dos anos setenta Dalí propuxo a John Lennon facer unha peregrinación a Santiago para atraer o movemento hippie ao espírito do Camiño. Así, como o estou a contar. Dalí era moi listo (André Bretón, xogando coas letras do seu nome, alcumábao «Ávida Dollars»). O plan era surrealista, por suposto, pero ía moi en serio. Quedaría abortado co fatal asasinato de Lennon en 1980.

E hoxe, mentres imaxinamos a foto de Lennon, Dalí, o grupo de hippies e moitos xornalistas detrás, entrando polo Obradoiro, debemos contentarnos cos Quarrymen, un grupo que une á súa historia, a resistencia no tempo. Por algo «quarry» quere dicir, en inglés, «canteira». Oxalá regresen axiña.