Cando Pemán «pecou» en Santiago

Quique alvarellos

SANTIAGO CIUDAD

ALVARELLOS

O escritor improvisou un poema en 1935 no hotel Compostela

15 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O Libro de Firmas do Hotel Compostela contén íntimos e inéditos tesouros escritos, como as sinaturas de García Lorca (da que xa temos falado nesta serie), Evita Perón ou Valle-Inclán, mais tamén outras pezas memorables, malia que os seus autores non sexan dignos de gabanzas. Por exemplo, un exaltado discurso de Millán Astray, ou os versos que hoxe nos ocupan...

O célebre escritor gaditano José María Pemán (1897-1981), célebre tamén polo seu franquismo sen fisuras ou por ter dado ao Himno de España, en tempos de Primo de Rivera, unha acalorada letra («Viva España /alzad la frente / hijos del pueblo..., etc»), foi tamén, como sabemos, un recoñecido escritor, e un virtuoso improvisador de poemas, que deixou en Compostela proba do teu innegable talento. Mágoa de talento, mancado para sempre por toda unha vida de ideas reaccionarias e represivas.

Nos tempos da República, na primavera de 1935, aloxouse no daquela mellor hotel da cidade, o Compostela, e improvisou, no seu Libro de Firmas, os versos que hoxe exhumamos. Un poema dunha soa estrofa, integrado por seis versos endecasílabos (de once sílabas cada un, para quen teña esquecida a estilística), similar a unha sexta rima, e titulado «Impresiones de un andaluz en Santiago». Que saibamos, ninguén reparou nel ata agora, agochado nas satinadas páxinas deste Libro tan singular.

Pemán constrúe unha peza ao seu mellor estilo, o que se ten chamado «neopopularismo»: a beleza sen par de Compostela trasládao coa mente a lembrar Granada, e isto faille sentirse mal, «en pecado», di. Esta é a transcrición do poema manuscrito:

«Impresiones de un andaluz en Santiago

Iba yo por el patio que, barbado / de musgo y liquen, silenciosamente / dormía en su quietud: cuando, a mi lado, / sentí un rumor alegre y sonriente. / Volví los ojos; vi que era una fuente; / pensé en Granada... y me sentí en pecado.

Santiago. 25. Mayo, 1935. José Mª Pemán».

Pemán está hoxe esquecido. Forma parte activa dun tempo que hoxe provoca en nós todo o rexeitamento e, tamén, a ansia de reparación. Precisamente este 2017 o escritor foi noticia, porque o Colexio José María Pemán de Jerez decidiu chamarse Colexio Gloria Fuertes. Dun poeta franquista a unha poeta pacifista. En fin. En calquera caso, estes versos rescatados de 1935 merecen ser arquivados tamén na memoria histórica desta cidade.

editor@alvarellos.info