Rosalía de Castro «é do século XXI»

SANTIAGO CIUDAD

XOAN A. SOLER

Unha feira mostrou a vixencia da escritora como imaxe de ducias de produtos

01 oct 2017 . Actualizado a las 04:55 h.

En pendentes, en candeas, en mochilas, en camisetas, en pergamiños, en libretas, en cuncas, en produtos de artesanía, en cazadoras, en marcapáxinas..., e tamén en libros. Onte a imaxe de Rosalía de Castro tomou a praza de Cervantes en multitude de formas. Ela foi a única protagonista dunha feira que organizou a Deputación da Coruña con motivo do centenario da colocación da estatua da escritora na Alameda.

Polos postos, compostelás e tamén turistas, moitos deles descoñecedores da figura de Rosalía, incluso xente doutros países. Algún incluso preguntaba se había libros traducidos ao inglés.

«Ao xuntar todos os produtos dáselle aínda unha maior dimensión a Rosalía. Ademais, demóstrase que está viva, que é do século XXI», explicaba onte Irene Silva, unha das artesás presentes na feira cos seus produtos. Á exposición engadíronselle actuacións da Banda Municipal, Habelas Hainas e de Larraitz Urruzola.