A modelo do conde Henry de Lestrange

Quique Alvarellos

SANTIAGO CIUDAD

Henry de Lestrange

A Rúa Nova en 1897 retratada por un viaxeiro francés

01 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O nome deste fotógrafo quizais non lle soe a case ninguén: Henry de Lestrange. Un conde francés, natural de París, afeccionado á fotografía, que viviu entre os anos 1853 e 1926. Gran viaxeiro, visitou Santiago en 1897 e rexistrou, que saibamos, ata oito imaxes da cidade. Hoxe gárdanse na Mediateca do Patrimonio Francés. Unha reportaxe fotográfica descoñecida da que escollemos, para a nosa Fotohistoria, esta mostra, a imaxe obtida da Rúa Nova. Debemos agradecer ao historiador Julio Vázquez Castro que nos puxera na pista deste documento único.

A imaxe é singular por varias razóns á parte das sinaladas. Sobre todas elas, a modelo. Nesta altura de finais do século XIX é toda unha rareza. Nas fotografías de exteriores non adoitaban posar modelos. A moza podería ser a filla do propio autor, Henriette de Lestrange, nacida en 1880, pero non temos máis datos que a mera suposición.Por certo, no arquivo francés onde se custodia a imaxe, esta aparece virada 180 graos -erro común ao positivar fotografías antigas cando non se coñece o lugar-, e foi un arquitecto experto nesta rúa, Julián Morenas, a quen consultamos, quen detectou axiña o xiro, aquí corrixido.

A modelo (capa con esclavina, paraugas, chapeu) detense diante dun dos edificios máis singulares de Santiago, o que fora Colexio dos Irlandeses, que se ergue no número 44 da Rúa Nova. Vemos á esquerda a balconada en todo o seu esplendor (aínda non pasaran por ela estes últimos 120 anos).

O Colexio dos Irlandeses

O inmoble está de actualidade pois, tras décadas pechado, axiña abrirá nel un negocio, anunciado como espazo gastronómico. O Colexio dos Irlandeses fundárono, a comezos do XVII, os católicos expulsados do seu país pola raíña Isabel I. Foi o segundo de España en abrir. Aquí estivo o poeta e revolucionario Guillén de Lampart. Pero antes de ser «dos Irlandeses», ocupou o lugar o Estudio Vello, un dos xermes da Universidade de Santiago, destinado á lectura e ás Humanidades. E despois da súa función como colexio foi pazo privado, o do Conde de Ramirás, mais tamén se lle chama Pazo de Bermúdez, porque Xaime Bermúdez fora o seu promotor. En calquera caso, dentro del atópase hoxe «una de las más bellas y grandiosas escaleras de la arquitectura gallega». Así a define a historiadora e estudosa deste monumento, Miriam Cortés.

Asoman ao fondo da nosa imaxe as casas máis antigas da rúa, encaladas, diante da torre barroca da igrexa (románica) de Salomé. Un agasallo para a vista que é posible grazas á sensibilidade deste conde, Henry de Lestrange, que debería ocupar, dende hoxe, un oco na historia gráfica de Compostela.

editor@alvarellos.info