«Europa pensou que só co coñecemento saía da crise; aquí optouse por cercear»

Susana Luaña Louzao
susana luaña SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

SANDRA ALONSO

O catedrático amósase crítico tanto coa calidade do ensino como co uso do galego

23 sep 2017 . Actualizado a las 06:44 h.

Cando o 15 de setembro recolleu no Paraninfo de Historia o seu galardón da primeira edición do premio Luís Porteiro Garea polo uso e promoción do galego na USC, Manuel Bermejo (A Coruña, 1945) emocionouse. Fíxoo cando recordou a figura de quen lle da nome ao premio, autor da primeira lección maxistral da que se ten constancia lida en galego hai 102 anos nese mesmo escenario, e fíxoo tamén cando recordou os compañeiros, e sobre todo os alumnos, que seguiron a súa pegada e que impartiron clases na lingua nai, unha decisión que, como recordou no seu discurso ante as autoridades, nunca lle provocou problema algún, aínda que como recoñeceu máis tarde, «si algún chascarriño na corte de Madrid, que dicían que non se podía explicar a Física nuclear en galego». El demostrou que si.

Aínda que a súa longa vida académica estivo vencellada a Santiago, el é coruñés, do barrio da Torre, e non esquece nin quere esquecer as súas orixes: «Só entrar na Coruña e notar a salitre é vivir, eu non podo pasar sen os meus baños no Orzán».

Chegou á Universidade de Santiago nos anos 60 cunha bolsa de 10.000 pesetas. Aínda que primeiro pensou estudar Telecomunicacións en Madrid, finalmente decantouse pola Química, e nada máis rematar os estudos comezou a dar clase na Universidade na que cos anos desempeñaría numerosos cargos. «Daquela era unha universidade moi provinciana, debíamos ser 3.000 alumnos e todos nos coñecíamos». Non había máis titulacións que Matemáticas, Química, Medicina, Farmacia, Dereito, Xeografía e Historia e Filoloxía, e eran os últimos anos do franquismo, e os medios, moi escasos. «Pero logo nos 70 chegou o bum e nos 80, o que chamabamos a pitufada, unha riada de xente». E logo o goberno de Felipe González e os anos dourados da USC. «Había diñeiro e investiuse moi ben. Nos 70 éramos fabas contadas os que saiamos ao estranxeiro pero nos 90 xa o facían todos os alumnos e empezamos a publicar en revistas internacionais; Química da USC ocupaba entre o oitavo e o duodécimo posto no mundo, entón falábase da química española e hoxe fálase só dalgún químico español».

Bermejo culpa aos gobernos do PP máis que á crise en si, porque «Europa pensou que só co coñecemento saía da crise; aquí optouse por cercear. No me departamento xubiláronse quince persoas e non repuxeron nin unha soa». Ata tal punto é crítico coa situación actual, que pensa que vai ser moi difícil recuperarse. «En Química non dicimos xamais que algo é irrecuperable, pero igual tardamos vinte anos en recuperar o traballo que se fixo perante trinta e que botaron abaixo».

Xenio e figura, non ten pelos na lingua, por iso no seu discurso aproveito que tiña diante ao reitor, Juan Viaño, para recordarlle que a normativa de Normalización Lingüística non se estaba a cumprir. «Non hai unha normativa seria de apoio á lingua», dixo. E dixo máis: «Nesta democracia informal que vivimos parece que a lingua non é esencial». Recorda que cando el daba clases, como as impartía en galego, había outro grupo de castelán, «aínda que moitos alumnos se pasaban á miña clase, pero era porque lle gustaba como as daba». El sostén que nada o fixo máis feliz que o ensino, e que ía facelo mellor se o impartía «na lingua nai». E como non se cansou de repetir, nunca tivo problemas. «Pero hoxe se un alumno quere a clase en galego, non a ten. Na miña facultade serán un cento de profesores e só unha ducia dá as clases en galego». Discípulos seus, a maioría.

Aínda así o balance é positivo, porque xa o dixo no Paraninfo de Historia: «Durante cincuenta anos fixen o que máis me gusta, ensinar».

O protagonista. Manuel Bermejo Patiño é catedrático de Química Inorgánica e profesor emérito da USC.

O recoñecemento. O premio recorda cando, o 16 de setembro de 1915, o catedrático de Dereito Civil Luís Porteiro deu lectura á primeira lección en galego no Paraninfo de Universidade.