A compostelá Mari Carmen Caramés gaña o premio de poesía Avelina Valladares

SANTIAGO CIUDAD

cedida

"As idades perdidas" é o título da súa obra

20 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Chámase Mari Carmen Caramés Gorgal xa non é unha novata no mundo da literatura. Ten gañado unha manchea de premios literarios e ten publicados dous relatos en obras colectivas e dous poemarios propios: Cuarto menguante e Dos días escuros. A súa seguinte obra poética en ver a luz será As idades perdidas, que onte foi seleccionada como gañadora do premio Avelina Valladares de poesía, convocado polo Concello da Estrada e a Asociación de Consumidores e Amas de Casa Avelina Valladares.

A gañadora, natural de Santa Comba, reside na actualidade en Santiago de Compostela, onde imparte clases de Pedagoxía Terapéutica no IES de Pontepedriña.

A obra de Mari Carmen Caramés impúxose entre os 27 orixinais presentados ao concurso. O xurado destacou a obra como un «conxunto unitario de momentos e reflexións» no que «os poemas son como pasos de marchas esperanzadas». As idades perdidas, presentado baixo o lema Scripta manent, tivo dura competencia no certame literario, no que o xurado recoñeceu a alta calidade dos catro poemarios finalistas.

«Este é o meu poemario máis intimista. En case todos falo da muller. Este é un pouco máis persoal, pero tamén está escrito desde unha perspectiva feminina e, neste caso, con carácter retrospectivo», explica a autora. «Xa coa metade da vida percorrida, repaso o meu pasado e o da miña xeración, boto a vista atrás e acabo falando en feminino plural, porque as mulleres para progresar, para medrar, temos que ser como unha entidade», comenta.

A entrega do premio terá lugar en decembro, durante a Festa da Poesía. Antes de que remate o ano, a autora espera ver editada a súa novela A madriña, centrada no tema da violencia de xénero e editada por Fervenza.