«Síntome orgulloso da xente á que lle custaba arrancar e finalmente o fixo» 

Elisa Álvarez González
Elisa Álvarez SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

SANDRA ALONSO

No teatro profesional, di o escritor, «tende a haber máis prexuízos e hábitos»

18 sep 2017 . Actualizado a las 01:03 h.

Roberto Salgueiro naceu en Caracas. É un dos milleiros de nenos da emigración. A volta non tardou, pero non foi a Galicia. A familia estivo entre Almería e Murcia, ata case entrar na universidade. Ata lle sorprende que lle pregunten como asumiu esa infancia tan movida. «Foi moi feliz, fantástica, tiven unha infancia fabulosa, sempre me adaptei moi ben aos cambios». Co tempo aínda a valorou máis, «cando medras dáste conta do que te enriqueceu esa experiencia e ves o positivo que ten», conta.

Naturais de Cariño, finalmente os seus pais instaláronse na Coruña. A Roberto gustáballe o mundo da historia antiga e a arqueoloxía, e tivo dúbidas á hora de entrar na universidade. Acabou en Filoloxía hispánica polo seu interese pola literatura, «aínda que o que non sabía e que tiña máis peso a lingüística». A escrita xa formaba parte da súa vida. Formou case sempre. «Recordo escribir obras de teatro, contos, e historias xa dunha maneira regular desde que tiña trece anos». Non pensaba que se acabaría convertendo nun traballo «pero era unha parte de min que me acompañaba a onde ía».

Non o tiña pensado pero entrou pola porta grande. En cuarto de carreira, xa inmerso en compañías de teatro, presentouse ao primeiro premio Álvaro Cunqueiro de textos teatrais coa obra O arce do xardín. Gañou. E faríao tres veces máis. «Foi unha entrada abrupta no eido profesional», di. A partir de aí empezou a traballar con compañías profesionais, como asistente de dirección e máis como dramaturgo. E pronto asumiu a dirección da Aula de Teatro da Universidade. Tiña 23 anos daquela, no ano 90, e asegura que «para min a mellor etapa na Aula de Teatro sempre é a presente».

Camiño de trinta anos á fronte desta escola e compañía, por elas pasaron centos e centos de persoas. Algunhas cambiaron de rumbo, outras seguen afeccionadas ao teatro, e outras traballan hoxe a nivel profesional no teatro, no cine a na televisión. E si, para Roberto resulta moi gratificante ver a tanta xente que pasou pola aula na televisión e no cine, «pero síntome orgulloso da xente que ao principio vías que non tiña posibilidades, que lle custaba moito arrincar e que finalmente conseguiu facelo», explica.

Traballar cunha compañía afeccionada é moi diferente de facelo no teatro profesional. Por un lado os actores están unha media de catro ou cinco anos, polo que a renovación é constante. É un espazo de formación, non para producir teatro, o que fai que os textos se teñan que adaptar ás necesidades pedagóxicas que teñen os membros, pero Salgueiro destaca sobre todo unha vantaxe, «para min a diferenza é que é xente que non ten prexuízos nin hábitos, no teatro profesional tende a haber máis».

Por exemplo, «eu entendo que hai que ter a mente aberta e que todos os traballos escénicos son lexítimos esteticamente, o que importa dun traballo escénico é a coherencia interna dese obxecto artístico». Hai actores, conta, que non entenden que o corpo é unha ferramenta de traballo e que non é tan central como a palabra, «cando é precisamente o máis central, porque é de onde sae a palabra». Este ano toca na Aula de Teatro unha importante renovación, e iso tamén condiciona o que se vai facer no curso. «Dependerá do grupo que se forme de traballo», lembra Roberto, quen apunta que a rede galega de teatro universitario «quizais sexa a máis estable do conxunto do Estado».

«A comezos do século XX había unha compañía oficial na universidade»

 

 

A Aula de Teatro da Universidade leva case tres decenios funcionando de xeito ininterrompido, pero o certo é que a dramaturxia sempre estivo moi presente na institución. Máis que como unha parte secundaria, cos xesuítas o teatro formaba parte da praxe académica, nos estudos de retórica dalgunha maneira se contemplaba a posta en escena, lembra Salgueiro González. Xa despois, a comezos do século XX, «Cotarelo Valledor dirixiu o que se chamaba cadro dramático da universidade, que era unha compañía oficial, durante tres cursos académicos», explica.

¿E agora? ¿Como está o teatro profesional? Asegura non ser a persoa máis axeitada para facer unha valoración, pero como di este escritor e director, a situación non é boa. Iso si, «se miras atrás, a cando se dicía que a situación non era boa, non era tan mala», apunta.

En resumo, o teatro non ten un momento bo «na medida en que non existe unha política teatral a longo prazo». E o apoio non debe ser só ao teatro profesional, senón que debe recoñecerse o importante papel do afeccionado, que non só nutre ao profesional senón que tamén conforma un público. «Se desde as administración non se apoia o tipo de teatro que o público vai e ver e no que se vai educar este terá seguramente máis carencias».

Una boa casualidade

Veciño de Belvís, aínda que de neno e mozo percorreu varias cidades, desde que chegou á universidade a súa casa é Santiago e non se moveu. Coñeceu o barrio de Belvís no ano 89, «e sempre vivín nese entorno». Chegou por casualidade a esa zona. Foi «unha boa casualidade» na que as súas fillas, agora xa maiores «atopaban tesouros».

Nome. Roberto Salgueiro González naceu en Caracas e vive no barrio de Belvís.

Profesión. Director da Aula de Teatro da USC.

Rincón elixido. O miradoiro de Belvís, «un lugar desde onde tes unha perspectiva moi especial da cidade».