Oitenta anos do primeiro voo «comercial»

quique alvarellos

SANTIAGO CIUDAD

Foto cedida por J. M. Pena Fandiño

O 21 de setembro de 1937 un Junker conectaba Santiago con Salamanca

17 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O próximo xoves 21 de setembro cúmprense 80 anos do primeiro voo «comercial» realizado dende o novo aeroporto de Santiago de Compostela, dende unhas instalacións que foran inauguradas dous anos antes, en xullo de 1935. Puxemos comiñas a «comercial» porque estamos en plena guerra (in)civil, en setembro do ano 1937, e nada podía ser normal naqueles días. Logo contamos os detalles.

Para viaxar nesta Fotohistoria a aquelas datas e ás orixes do aeroporto de Lavacolla temos a axuda de todo un experto, quen leva anos investigando e documentando a historia dos nosos aires composteláns, Xerardo Rodríguez, no seu día Xefe de División de Control de Tráfico Aéreo en Santiago, e quen precisamente nas próximas semanas publicará o libro Cen anos de aviación en Compostela, que reúne centos de documentos e outras tantas imaxes desta singular historia.

Diciamos que se cumpren oitenta anos do primeiro voo «comercial» de Lavacolla. O aeroporto, coa guerra, convertérase en militar, pero as autoridades franquistas querían manter unha aparente normalidade, aínda que só fose nos nomes. De «comercial» tiña pouco. Aquela primeira viaxe uniu Santiago con Salamanca nun aparato Junker. A liña era Santiago-Zaragoza; a compañía, Iberia e os aparellos e pilotos, alemáns. Franco intentaba conectar os puntos clave das zonas «liberadas». Dende Zaragoza -coméntanos Xerardo Rodríguez- voábase logo a Berlín. Por esta razón, aquí viaxaban militares, políticos, e algún empresario... Na viaxe de volta daquel primeiro Junker chegaron tamén a Galicia as primeiras mercadorías que eran transportadas polo aire, basicamente útiles de cirurxía para atender ás vítimas da guerra nos hospitais na cidade.

Os sorrisos que conxela a imaxe de hoxe evidentemente non poden ser do 37. Son de dous anos antes. A data é excepcional: trátase, como diciamos, da inauguración das instalacións: 28 de xuño de 1935. A fotografía, que aparecerá no vindeiro libro de Xerardo Rodríguez, pertence ao arquivo familiar dos herdeiros de Manuel Pena Pena, o primeiro presidente do Aero Club Compostela. Nela, posan familiares e socias daquel xa mítico Aero Club, unha asociación que foi o verdadeiro artífice da existencia do actual aeroporto e que lamentablemente se disolvería a finais dos anos 40 (non confundir co Real Aeroclub de hoxe). En fin, a historia completa axiña a poderemos ler, ver e gozar na obra de Xerardo. Por certo, un dato para iniciados: o aparato que asoma na imaxe é un De Havilland DH-82-Tiger Moth.

editor@alvarellos.info