«Tocaba un 'thriller' tras bastantes comedias»

SANTIAGO CIUDAD

SANDRA ALONSO

O actor e fundador de Redrum Teatro di que en Canadá se fixo un filme polo éxito obtido por «A Canción do Elefante»

04 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A compañía compostelá Redrum Teatro está estes días cos últimos ensaios para a estrea da súa oitava produción, A canción do elefante. Trátase dun thriller psicolóxico protagonizado polos actores Ernesto Chao, Patricia Vázquez e Guillermo Carbajo, este último un dos fundadores da compañía no ano 2009, xunto co director da peza, Álex Sampayo. A estrea será este mércores no Festival Galego de Teatro do Carballiño. Despois, do 13 ao 16 de setembro, representarase no Teatro Principal de Santiago.

-O título fai quizais pensar máis nunha obra para os máis pequenos, pero nada máis lonxe da realidade...

-Polo nome si, pero vendo o cartel xa te dás conta que non é así. É un espectáculo para público adulto, a partir dos 13-15 anos. É un thriller, unha obra de misterio sobre unha investigación con tres personaxes moi interesantes. O texto, do canadense Nicolas Billon, está moi ben, tivo moitísimo éxito en varios países, pero é a primeira vez que se representa en España. En Canadá incluso se fixo unha película do ben que funcionou en teatro. Agora, a ver que pasa aquí, agardamos que sexa tamén un éxito.

-Ata agora optaran por facer espectáculos familiares e comedias, con unicamente unha obra de suspense. Que os levou a optar por un «thriller»?

-Xa tocaba. O único drama que fixemos ata agora foi a primeiro espectáculo, A pensión, que era unha obra tirando máis ao terror que o thriller; ademais xa levamos bastantes comedias. Parecíanos, entón, que tocaba. Ademais, é unha casualidade que este texto caera nas nosas mans e encantounos.

-Cal é o maior reto que supón a súa representación?

-Penso que son os personaxes, porque os tres son complexos. Para min, o reto como actor é o personaxe e, para o director, Álex Sampayo, penso que o desafío está en buscar o equilibrio durante todo o espectáculo, porque ten bastante texto. É unha loita dialéctica entre dous personaxes, entón, está a dificultade de ir atopando os ganchos para que o espectador permaneza atento, buscar o ritmo.

-O elenco confórmano tres actores tamén moi coñecidos pola televisión e, no caso de Ernesto Chao, xa protagonizou outras funcións de Redrum Teatro. Como xurdiu?

-Si, con Ernesto Chao xa traballara en series e, despois, tamén participou noutro espectáculo de Redrum. Ao final, cando fas equipo, hai conexión e funciona, pois sempre tratas de repetir. Patricia Vázquez si que é a primeira vez que traballa en Redrum e tiñamos ganas de facelo, porque xa estiveramos xuntos en audiovisual.

-Boa acollida de partida xa para o espectáculo: O Carballiño, Santiago e despois xa varias funcións por toda Galicia ata fin de ano: Lalín, Ribeira, Narón...

-A verdade é que temos bastantes datas para ser un espectáculo que aínda está sen estrear e supoño que, cando os programadores saiban del, se pecharán máis. Despois do Carballiño, estaremos en Santiago catro días, que foi algo que xa fixemos con Noiteboa. Primeiro, porque somos de Santiago e, despois, porque ao estar catro días permite darlle mais posibilidades ao público para que veña velo. É unha pena que en poucos concellos haxa a posibilidade de estar varios días, nós que temos a oportunidade de facelo en Santiago, pois é un luxo.

-Como actor, quen o pon máis a proba: o público infantil ou o adulto?

-O público infantil é complicado, complicado (ri), pero non ten nada que ver. O público infantil é complicado pero tamén moi agradecido. Cando o espectáculo funciona, é unha pasada ver como os rapaces están metidos e entregados. O público de adultos é distinto, pero tamén depende moito do lugar onde actúes. Non é o mesmo o de Lalín que o de Santiago. O de adultos é menos espontáneo, máis educado. Como actor, non sabería dicir con cal disfruto máis.