A imaxe de toda unha xeración

Quique alvarellos

SANTIAGO CIUDAD

s

As Festas Minervais de 1956 foron as primeiras «galeguistas»

03 sep 2017 . Actualizado a las 14:04 h.

Hai fotografías que resumen toda unha xeración, un tempo e as súas circunstancias. Velaquí unha delas. Estamos en 1956 no Hostal dos Reis Católicos. Once homes ben elegantes con paxariña, unha moza e unha nena. Posan trala entrega dos premios literarios das Festas Minervais concedidos na primavera daquel ano. As Festas Minervais remóntanse ao século XVI. Na España franquista quixeron retomarse en 1953, a iniciativa do SEU. Primeiro, só para recoñecer o idioma castelán, pero, precisamente neste ano 1956, logrouse o impensable: que o galego tamén fose premiado.

Citemos, primeiro, os nomes dos trece protagonistas desta fotohistoria. (Axúdame na identificación un dos presentes, o filólogo Ramón Lorenzo). De esquerda a dereita e de pé: Gonzalo Rodríguez Mourullo, Ángel Blanco Losada, Xosé Filgueira Valverde (o mantedor dos Premios), Luis Miguel Bugallo Paz, Xaquín Villar Calvo, Xosé M. López Nogueira, Fernando Pérez-Barreiro Nolla, Xosé Luís Franco Grande, José Ramón de Dolarea y Calvar e Xosé Luís Méndez Ferrín. Ramón Lorenzo Vázquez figura sentado a carón da Raíña das Festas, Ana Mari Charro Salgado, e a rapaciña chámase Katy Ribas. As dúas, fillas de coñecidos catedráticos da USC.

A imaxe está recollida das famosas páxinas de «Ecos de sociedade» que por aqueles días publicaba, con moito éxito, a revista Vida gallega (nº 709, abril de 1956, páxina 17). Non hai espazo nestas crónicas para comentar o brillante devir de todos os que aquí aparecen. Temos, iso si, o testemuño de dous deles. Ramón Lorenzo coméntanos: «Estas festas foron todo un acontecemento porque, ante moita xente da ‘aristocracia compostelá’ estivo a presenza do galego nos poemas lidos. A conferencia de Filgueira fora en castelán».

Efectivamente, as Festas Minervais de 1956 foron as primeiras -chamémoslles- galeguistas da historia. Había premios para poesía, narrativa e ensaio, para os dous idiomas. En poesía en galego gañou Xosé Luís Méndez Ferrín, segundo fora Franco Grande e terceiro Ramón Lorenzo. Méndez Ferrín, no seu libro De Pondal a Novoneyra, escribe: «Pertenzo como escritor á Xeración das Festas Minervais». Unha xeración, explica logo, que non coñeceu a Guerra Civil directamente, influenciada por Galaxia e Celso Emilio Ferreiro e coa idea de crebar coa tradición literaria galega.

O futuro dos dez premiados desta imaxe sería heteroxéneo: filólogos, médicos, avogados... Algúns vivirían moi complicado o seu compromiso co país. A nómina desta Xeración das Minervais completaríase logo con nomes como Novoneyra, Manuel María, Xohana Torres... Pero esta imaxe nosa de hoxe conxela o momento primeiro. Aquel no que, dentro da toupeira monolítica do franquismo e da Compostela «de-toda-la-vida», abríase unha fiestra. Por ela asomaba, como lene raiola, a memoria deste pequeno gran país.

editor@alvarellos.info