Carlos Diéguez: «Aumentamos o esforzo na procura de terapias para combater o cancro» 

Joel Gómez SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

SANDRA ALONSO

Buscan facilitar a colaboración «coas empresas biotecnolóxicas e farmacéuticas»

03 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O Centro de Investigación en Medicina da USC (Cimus) «aposta pola investigación básica e a xeración de coñecemento, cunha vontade moi forte de trasladar resultados a pacientes e ao sector farmacéutico», afirma Carlos Diéguez, profesor da Facultade de Medicina, o seu director.

-¿Como se traballa no Cimus?

-Temos varias prioridades. A primeira, facer investigación punteira, para xerar novo coñecemento. A partir de aí, contamos cunha infraestrutura como Innopharma, cun gran potencial para transferir ese coñecemento xerado no centro, e que nos permite facer de ponte entre o ambiente académico e as empresas biotecnolóxicas e farmacéuticas. Mabel Loza, quen con Carracedo dirixe Innopharma, coordina a rede de descubrimento de fármacos en España e conseguiu para Santiago o ano pasado un dos 6 proxectos financiados pola multinacional GSK nunha convocatoria mundial na que se presentaron 384 grupos de varios países, iso foi un acontecemento.

-¿Como repercute todo iso na mellora da saúde da poboación?

-Transferir tecnoloxía permite desenvolver os resultados e os avances da investigación. O ano pasado foi moi relevante consolidar a unidade mixta de investigación coa multinacional Esteve, coa que Loza traballa hai anos en novos medicamentos para tratar a dor crónica; e xeramos outra unidade mixta, cunha nova empresa, SunRock Biopharma, que traballa con diversos grupos do Cimus, co que aumentamos o esforzo na procura de terapias para combater o cancro. E antes do fin deste ano haberá novidades importantes, como a Kaertor Foundation, orientada para a transferencia de tecnoloxía, ou un acordo coa farmacéutica Jensen.

-¿Como se traduciu iso na captación de recursos?

-En 2016 conseguimos 6,5 millóns de euros: o 10 % por proxectos internacionais, o 10 % por autonómicos, o 60 % de fondos estatais e o 20 % por acordos con compañías e entidades públicas.

-Hai un descenso en proxectos internacionais, ¿a que se debe?

-Cada ano é diferente, e debemos ter en conta que un proxecto pode durar 5 anos e que aínda hai convocatorias pendentes de resolver. O financiamento internacional supón do 30 ao 40 % do noso traballo actual, somos o centro de investigación galego con máis financiamento por proxectos internacionais. Pensamos que os dous próximos anos haberá moita competencia dos grupos británicos por fondos europeos, por causa do brexit e será máis duro conseguir novos proxectos.

-¿Foi o 2016 un bo ano en produción científica?

-Mantivemos as grandes cifras en número de publicacións, potenciando as incluídas en revistas co factor de impacto máis elevado pola súa alta calidade na súa especialidade. Houbo 21 publicacións dese nivel máximo.

-¿Como explicaría a importancia do traballo do Cimus?

-Tratamos que o coñecemento xerado pola investigación se traduza en novos medicamentos ou produtos que melloren a calidade de vida das persoas. Houbo distincións para investigadores polo seu traballo no Cimus, como o premio á mellor idea de negocio da revista Emprendedores, ou outros da USC, de Universia, ou o Santander Yuzz Woman. Hai un esforzo tecnolóxico consolidado, e tamén boa relación co IDIS.

-¿Como é o persoal do Cimus?

-Non tivemos xubilacións, que se producirán nun horizonte de 7-8 anos, e renovamos o persoal incorporando talento de alto potencial. E traballamos nun ambiente multicultural moi estimulante, con persoas de 20 países.

Director. Carlos Diéguez é o único director do Cimus, desde o 2010. Antes dirixiu o Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS).

O centro. Ten 31 grupos de investigación, que ocupan o 90 % das súas instalacións, onde traballan investigadores de 20 países: da UE, Europa do Leste, África e Oriente Medio.