«Debería haber un disco verde para identificar os cans ben socializados»

O secretario do Club de Cans de Familia promove a «total integración» dos seus animais nas rúas ou no transporte público


SaNtIaGO / LA VOZ

No ano 2008 comezou o club de cans de familia Só lles falta falar. «Queremos conseguir unha total integración dos cans na sociedade, esa é a nosa finalidade. Facemos moitas actividades, e ultimamente estamos moi centrados nun proxecto que nos financian os orzamentos participativos de Santiago, para promovermos aulas de educación; visitas escolares para asesorar sobre a tenencia con responsabilidade dos animais; charlas en parques; e visitas a centros socioculturais para divulgación técnica sobre manexo de cans, xurídica e veterinaria», afirma o secretario, Pablo Freire.

-¿Como é a súa idea para integrar os cans na sociedade?

-Pensamos que aquí, como xa existe noutros países, tamén debería haber un disco verde para identificar os cans ben socializados. É un sistema coñecido internacionalmente como good neighbours, ou bo cidadán canino.

-¿En que consiste?

-Implica unha serie de beneficios, como permitir o acceso deses animais a edificios ou a medios de transporte público, e favorecer a convivencia. Existe en Inglaterra, Canadá e noutros países. Aquí loitamos coas administracións para que nos deixen demostrar que algúns cans son inocentes e poden saír á vía pública sen atar ou sen ter que lles tapar a boca, como obriga a lexislación. Pedimos que haxa unhas probas para demostrar a sociabilidade do can, que está controlado.

-¿Que vantaxes ten iso?

-Coñecer e ter identificados cans ben adestrados e educados, seleccionados con probas de carácter, favorecería o turismo, pois hai persoas que non viaxan aquí polos problemas para traer os seus cans. Ao viaxarmos nós por Europa cos cans, deparamos con moitas máis vantaxes e facilidades, que non temos aquí. Sería tamén unha maneira de que a Administración recadase algunha taxa. Mesmo contribuiría a contaminar menos.

-¿Por que menos contaminación?

-Porque agora, para ter un can hai que ter un auto, ao non se permitir que viaxen no transporte público, e os que tivesen ese distintivo poderían ir nun autocar ou no tren. Só demandamos o que xa é realidade noutros países.

-¿Quen pertence a este club?

-Hai persoas asociadas que non teñen can, e que colaboran nas actividades que organizamos, de soporte terapéutico, nas visitas, ou nas actividades máis lúdicas.

-¿Que é o soporte terapéutico?

-Son actividades, cada semana, coa asociación Aspanaes, de autismo, e con Down Compostela; e coa Asociación de Esclerose Múltiple cando nos chaman. Un centro de día da Coruña tamén nos pediu un can para traballar con persoas maiores. O soporte terapéutico aumenta, polo beneficio que supón para as persoas, e acudimos onde nos chaman.

-¿E actividades lúdicas?

-Organizamos saídas con cans polo monte. Promovemos a recollida de cans de canceiras, e acordamos co Concello de Santiago e co Refuxio de Bando un programa de bolsas: escollemos un can ao mes para asesorar ás persoas que o queren acoller e ensinamos como se manexa, para que teñan unha experiencia satisfactoria segundo as súas necesidades, e evitar que se devolvan. Temos unha especialista en conduta animal, María Sabell, que coñece todos os cans do club, para promover o adestramento e a educación, con aulas específicas todo o ano, segundo o modelo que funciona noutros países. O que non participamos é en competicións.

-¿Piden axudas os socios?

-Dispomos dun banco de tempo, para apoiar a quen precisan que se atendan os seus cans por teren que viaxar, por unha doenza, ou por outras necesidades, e sempre houbo unha solución altruísta. Tamén contamos cun grupo de rastreadores para buscar outros cans que se extravían.

Pablo Freire. Pertence ao club desde o 2009 e é directivo desde o 2012.

Só lles falta falar. Fundado no ano 2008, ten agora 170 persoas asociadas.

Cans. O club atende actualmente a 120 cans, de diferentes razas.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Santiago

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
5 votos
Comentarios

«Debería haber un disco verde para identificar os cans ben socializados»