Guadi Galego, Nao e Raiba encabezan o cartel do Festigal

O festival, que se celebrará os días 24 e 25 de xullo, contará con máis dun cento de actividades


Un festival con afán normalizador, reivindicativo e feminista. Iso será a nova edición Festigal, que se celebrará os días 24 e 25 de xullo no Campus Vida e incluirá unha ducia de actuacións musicais, encabezadas por Guadi Galego, Nao, Raiba e Os Amigos dos Músicos. O apartado musical estará acompañado doutras propostas ata sumar máis dun cento de actividades para gozar da cultura galega, destacan dende a organización, a cargo de Galiza Nova.

A xornada do 24 comeza ás 22 horas, no Campus Vida, cunha sesión de DJ con Bigote Mix. Seguiralle a actuación de Son da Rúa, composto por Álex Arnoso e Hugo Guezeta, de Ponteareas, que foron os gañadores do concurso Novos Valores. A continuación chegará o folk-rock inspirado na canción protesta de Os Amigos dos Músicos e, despois, Guadi Galego presentará o seu último traballo, O mundo está parado. Tamén na noite de 24 actuará Nao, como banda de referencia do rock galego, e Raiba, que achegará o seu rock-metal e letras reivindicativas pertencentes ao seu último disco, Marxinación.

O día 25, a partir das 17 horas, empezará a actividade do Café Concerto, que esta vez será en clave feminina, con artistas e bandas integramente formadas por mulleres. A tarde arrancará cunha exhibición de regueifas por cortesía da asociación Oral. Despois, chegará o punto máis cómico da man de Isa Risco. No apartado musical, o peche do Festigal será con Áureas e coas voces das Tanxugueiras.

Eventos deportivos, postos de artesanía, un espazo con propostas culturais para os máis pequenos ou un espazo de venda de libros completan o Festigal. Tamén haberá palestras sobre temas de actualidade política e social, así como presentacións de libros, como Na casa da avoa, da poeta viguesa Marta Dacosta.

As actividades do Festigal, que cumpre quince anos, foron presentadas onte no Museo do Pobo Galego por representantes de Galiza Nova e da Fundación Galiza Sempre. Para o seu desenvolvemento participarán máis de douscentos voluntarios. O autor da ilustración do cartel foi Leandro Lamas.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

Guadi Galego, Nao e Raiba encabezan o cartel do Festigal