Os ollos de Camilo e Antonia no ano 36

O escenógrafo e a súa dona posan na súa casa das Hortas


Resulta que hai un par de semanas consultaba a célebre Guía Oficial de Santiago de Román López y López (que leva por título completo Guía del peregrino y del turista) e reparei na ilustración da capa, obra de Camilo Díaz Baliño. Tiña diante xa a sétima edición, a de 1944, dunha popularísima obra que coñecera a súa primeira tiraxe en 1915 e que, na altura de 1972, aínda seguía a reeditarse, xa pola décimo sétima edición. Díaz Baliño levaba morto, en 1944, xustamente sete anos, dende que fora paseado no infausto verán de 1936. Esta guía estaba publicada, no ano 44, polo Concello da cidade, e era a guía oficial naquela data.

Relato isto porque é moi chocante, a ollos de hoxe, que o réxime de Franco seguise a utilizar a obra de alguén a quen asasinara. Aínda que os especialistas da memoria saben ben da retorta e maquiavélica face da nosa historia.

Camilo fora o delineante do Concello de Santiago, tamén foi un destacado escenógrafo, e un inspiradísimo deseñador gráfico, con traballo abondo nas históricas editorial Lar e Nós. De finais dos anos vinte e comezos dos 30 datan ducias de capas de libros súas, como ten estudado un dos maiores expertos na súa obra, Xosé Ramón Fandiño, quen sería fiel colaborador do fillo de Camilo, Isaac Díaz Pardo.

Díaz Baliño ilustrou a portada desta Guía de Román López dende a súa quinta edición de 1933, que saibamos: a Cruz de Santiago, o escudo da cidade, a vieira... en fin, un sinxelo deseño a tres tintas cargado de símbolos propios. Máis de 30 anos despois do seu asasinato, na década dos setenta, aí estaba aínda o seu pincel, resistindo, conxelado na capa desta obra, xa sen firma, pero presente o seu deseño, e promovido tamén polas autoridades franquistas.

Sabemos que os herdeiros de Camilo Díaz, lonxe de percibir cantidade algunha por dereitos de autor (que ironía!), o que tiveron é que agocharse do réxime dende os primeiros tempos.

A imaxe que ilustra hoxe a nosa fotohistoria foi tomada aquel ano -derradeiro para tantas cousas- de 1936. Camilo Díaz Baliño e a súa dona, Antonia Pardo, sentan diante da cámara na súa casa do nº 37 das Hortas. Poderiamos escribir, quizais, un amplo artigo interpretando a expresión destes seus ollos naqueles días, nesta fotografía. Estes ollos levaríaos Isaac durante toda a súa vida, os do pai e os da nai, e pintaríaos tamén, moitas veces, e dun xeito abraiante. Nós ímonos limitar a observalos, con acougo, dende este domingo noso, tan afastado, de xuño ben entrado.

editor@alvarellos.info

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Santiago

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
11 votos
Comentarios

Os ollos de Camilo e Antonia no ano 36