«Un ránking non é a verdade absoluta, pero debemos medirnos para mellorar»

Elisa Álvarez González
Elisa Álvarez SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

XOAN A. SOLER

O novo plan de financiamento, di a nova vicerreitora de Comunicación e Coordinación, estase notando positivamente con respecto ao modelo anterior

04 jun 2017 . Actualizado a las 09:42 h.

Ata hai uns días ocupábase da área de calidade na Vicerreitoría de Comunicación e Coordinación, e desde o pasado 1 de xuño, coa marcha de Xosé Pereira, asumiu este departamento. Un dos obxectivos de Rosa Crujeiras Casais (Ribeira, 1978), é aproveitar a gran cantidade de datos que se xeran na USC para tomar decisións en base a esa inxente cantidade de información.

-Un ano despois da posta en marcha do novo plan de financiamento, ¿vaille mellor á USC?

-Estámolo notando, para nós o plan supuxo unha mellora importante con respecto ao marco anterior.

-¿Este modelo é a liña a seguir?

-É pronto para valoralo. O que si é seguro é que supuxo unha mellora con respecto ao que tiñamos anteriormente, pero aínda non podemos decidir se debemos seguir por aquí. Hai unhas comisións de seguimento e haberá que ver todo en perspectiva, de onde se partiu e a onde se vai. No propio plan está contemplada unha revisión de indicadores e para iso hai unhas comisións encargadas.

-A UDC recorreu e gañou o financiamento do vello plan, ¿pódelle afectar á USC?

-Non teño constancia, non debería afectarnos porque é unha revisión dun plan pechado.

-As universidades deben presentar un redeseño das carreiras non viables, ¿como será o da USC?

-Estase traballando desde a Vicerreitoría de Oferta Docente e Innovación Educativa e negociándose coa Xunta o deseño do novo mapa de titulacións. Aí temos que tratar de potenciar as nosas capacidades e que o noso deseño estea acorde coas estratexias dos campus de excelencia.

-¿Haberá fusións?

-En principio apostamos polos dobres títulos. Os que xa se implantaron están dando bos resultados. Non son novos títulos, son programas que permiten ao alumnado compaxinar os estudos de dous graos, e pensamos que esa é unha boa vía.

-Están de moda os ránkings, ¿cuantificamos demasiado?

-Temos que medir para tratar de mellorar. O ránking non é a verdade absoluta, pero debemos medirnos para mellorar sempre. Un ránking mide unha serie de elementos e non ten en conta todas as facetas da universidade, pero si que nos da unha idea dentro dun contexto. Reflicte como estamos con respecto a outros e vemos a nosa tendencia. Non so a evolución en certas ramas ou títulos, senón que tamén nos da unha idea de por onde podemos avanzar, qué marxe de mellora temos. E non so analizándonos nós, senón tamén a outras universidades. Se observas que unha universidade cunha estrutura similar á nosa sube, podemos ver qué foi o que fixeron. Estamos a facer unha aposta na xestión de datos de cara a visibilizar o traballo da universidade pero tamén para poñer en valor e tomar decisións baseadas en información, a universidade ten que entrar necesariamente na era do Big Data.

-¿Xestionar ben os datos para saber cómo traballar?

-Xustamente, tomar decisións baseadas nos datos que temos. Hai información de xestión económica, de rendemento do alumnado, da súa procedencia... Se sabemos de onde veñen os nosos estudantes saberemos onde poderemos mellorar a captación. Se hai títulos que melloran o rendemento académico poderemos observalos para tratar de exportar o que fixeron.

-Este xeito de traballar, ¿estase aplicando xa?

-Si, por exemplo, en xestión académica a nivel de centros temos uns sistemas de garantía de calidade. ¿En que consisten? Facemos un seguimento dos títulos atendendo a indicadores: rendemento, taxa de abandono, de graduación. Cada ano se revisan esas taxas e o mesmo centro propón melloras. Se un centro detecta unha baixada de matricula, propón unha acción.

Campus da Cidadanía

A un ano de que finalice o mandato de Juan Viaño, a Universidade debe consolidar proxectos en marcha, como a certificación da excelencia en investigación ou o Campus da Cidadanía.

-¿Que obxectivos ten a vicerreitoría na recta final de mandato?

-Fundamentalmente consolidar proxectos en marcha. A certificación dos sistemas de garantía de calidade nos centros; outro tema importante é o proxecto do Campus da Cidadanía, que deberiamos tratar de que fora unha realidade desde final de ano; ou a implementación do selo de excelencia de investigación do HRS4R, unha distinción das universidades capaces de crear políticas de contratación e xestión de persoal investigador de acordo coa carta europea do investigador. Déronnos a distinción en febreiro e temos tres anos para poñer en marcha un plan de acción.

-O profesorado da USC é un dos máis envellecidos de España ¿pode estar en risco a docencia sen renovación?

-Non somos a única universidade con ese risco. Estanse tomando medidas e facendo unha planificación a medio e longo prazo, xustamente baseada en datos.

-¿Hai solución para os acreditados a cátedra?

-Se está negociando un regulamento, xa pasou pola mesa de negociación sindical e tamén pola Comisión de Organización Académica e Profesorado. Aínda falta o paso por Consello de Goberno, e por suposto a vontade do equipo reitoral é escoitar a todas as partes e tratar de sacar o acordo que sexa máis beneficioso para as universidades.

-¿Hai que equilibrar cátedras coa chegada de novos docentes?

-Hai unha lexítima aspiración de promoción de persoal moi cualificado, pero a universidade tamén ten que analizar a propia estrutura e renovar persoal. Conxugar todos estes factores no escenario económico no que estamos non é sinxelo e non todo o mundo queda satisfeito, pero por suposto que a vontade do equipo é negociar hasta a extenuación e tratar de sacar un resultado que convenza a todos.