Pedras novas na Quintana dos Mortos

En 1927 a praza estreou nova imaxe


Foi hai noventa anos cando a Quintana remodelou o seu aspecto. O que hoxe temos. Nesta imaxe, uns canteiros elegantemente ataviados (a ollos de hoxe) con camisa branca e chaleco traballan no novo pavimento que eliminaría as farolas e as árbores que a comezos de século XX personalizaban este emblemático lugar. Foron fotografados por Luís Chicharro arredor de 1926. Conta Román López na súa Guía de Santiago (manexo a edición de 1944) que o Concello gastou 30.000 duros neste lavado de cara, que se concluíu a obra en 1927 e, o máis importante, que moitas das pedras empregadas se reutilizaron das procedentes do mosteiro de San Pedro de Afóra, mítica igrexa que xa cita o Códice Calixtino (século XII) e que desapareceu a mediados do século XIX. Un solo pétreo, pois, con tanta historia coma os muros que o protexen.

Estamos na Quintana... dos Mortos. Quintana porque quere dicir terra ou praza, e «dos mortos» porque foi cemiterio ata 1769 (despois o camposanto iría a Bonaval e hoxe, Boisaca, como sabemos). Pero no XIX coñecíase como Praza dos Literarios, pois dela partiron, nun mes de xuño de 1808, un batallón dun milleiro de estudantes para defender España dos franceses. Xuraron sobre unha bandeira coas cores da galega e o escudo do Antigo Reino de Galicia (bandeira que hoxe preside a sala de Xuntas da Facultade de Dereito). A Semana do Libro de Santiago que se celebrará aquí a partir do venres non ten, pois, mala ubicación, nesta praza dos Literarios. Aí está a placa de homenaxe a aqueles estudantes loitadores, que vemos ao fondo dereito da nosa imaxe. Colocada no muro de San Paio de Antealtares. Dunha das corenta e oito fiestras de clausura que aquí vemos quixo descender un día, seica, unha novicia namorada. A corda rachou e ela morreu diante do seu namorado. Aquí, na praza literaria. Cóntao Xoán Manuel Pintos en 1853.

Tamén vemos na imaxe unha Casa da Parra en obras, pois precisamente naqueles días recibiría un andar máis, o que hoxe ten. Arriba, a Quintana dos Vivos. Entre as dúas, Vivos e Mortos, unhas escaleiras impares que son quizais as máis famosas de Compostela. Por iso Federico García Lorca quixo retratarse nelas en agosto de 1934 e porque lle fixera un poema á lúa que aquí baila coma en ningures.

editor@alvarellos.info

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
18 votos
Comentarios

Pedras novas na Quintana dos Mortos