Chévere, 30 anos e «forza para ir máis alá»

Montse García Iglesias
Montse García SANTIAGO

SANTIAGO CIUDAD

Montse García

A compañía recupera en xullo tres espectáculos como agasallo ao público que os acompañou

25 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Chévere cumpre tres décadas e quere celebralo cunha festa, agasallando ao público que durante todos estes anos os acompañou. Para este aniversario especial elixe como escenario Santiago, que os veu nacer e «porque non se entende Chévere sen esta cidade», explicou Xesús Ron, un dos membros da compañía, durante o acto de presentación das actividades na Fundación Granell. «Cando marchamos de Compostela fixémolo pola porta de atrás, algo que non mereciamos nin nós nin a propia cidade (...). Isto é un regreso e unha conciliación festiva para volver a ocupar esa paisaxe emocional», engadiu Ron.

Para esta festa dos 30 anos, Chévere recuperará tres espectáculos do seu repertorio: Río Bravo, que regresará ao Principal, onde foi estreado (do 4 ao 9 de xullo); Annus horribilis, que se representará no Auditorio de Galicia (do 12 ao 14) tras iniciar a súa andaina na Sala Nasa; e Ultranoite no país dos ananos, que chegará por primeira vez a Santiago e poderá verse na Praza da Quintana (19 de xullo). Ademais destes tres espectáculos, en setembro está prevista a publicación das obras de Chévere, que vai editar Kalandraka.

Por outra banda, Ron incidiu onte que este aniversario «é celebración dunha vitoria, non dunha resistencia. Temos enerxía e forza para ir moito máis alá». Nese sentido, indicou que Chévere é unha demostración de que un proxecto, «independente, comprometido e en galego», consegue transcender tres décadas e en plena actividade. Ademais, reivindicou que fai falta unha esperanza de vida cultural maior en Galicia, «porque os proxectos agora morren demasiado pronto». Engadiu Ron que a cultura galega precisa «que nos fagamos vellos desenvolvendo o noso oficio, de non ser así, non haberá transmisión interxeneracional».

Por último, Xesús Ron explicou que nestes trinta anos cambiaron moitos cousas para Chévere, pasando dunha situación «máis marxinal» a outra máis central, pero o que manteñen igual son «as ideas e a actitude, tan frescas como ao principio».

Os membros da compañía ofreceron onte cancións como avance dos tres espectáculos, nun acto no que tamén participou o alcalde compostelán, Martiño Noriega, quen destacou que «a cidade tiña unha débeda con Chévere e era necesario marcar esa conciliación».