A tradución de «Ilustrísima» en inglés proxecta internacionalmente a obra de Casares

J. G.

SANTIAGO CIUDAD

PACO RODRÍGUEZ

O Gaiás homenaxea o autor das Letras Galegas cunha exposición centrada na súa producción literaria, de investigador e tamén tradutor

16 may 2017 . Actualizado a las 00:18 h.

Co título His Excellency a obra de narrativa Ilustrísima, de Carlos Casares, ten a súa primeira tradución para inglés, presentada este luns en Compostela, na Cidade da Cultura. A versión foi realizada por Jacob Rogers e forma parte da colección Galician Classics, da Small Stations Press, con sede en Sofía (Bulgaria). A edición está patrocinada pola Xunta de Galicia. No lanzamento participaron Anxo Lorenzo e Valentín García, secretarios xerais de Cultura e de Política Lingüística, respectivamente; Häkan Casares, fillo de Carlos Casares; Manuel González, da Real Academia Galega; Ana Isabel Vázquez Reboredo, directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura; e Jonathan Dunne, o editor.

Os oradores resaltaron que esta traducción contribúe a proxectar internacionalmente a producción de Carlos Casares, e tamén a literatura galega. Valentín García indicou que Ilustrísima era unha das obras que o propio Casares prefería entre as máis representativas e singularizou o feito de que o tradutor sexa un antigo alumno dos cursos de galego para estranxeiros que se celebran nos veráns,na Universidade de Santiago de Compostela; e Anxo Lorenzo afirmou que esta narrativa merece formar parte do canon literario universal. Häkan Casares lembrou que o seu pai tamén traduciu para galego obras de autores estranxeiros e valorou como «especialmente emotivo» este libro, que supón tamén un paso na internacionalización da cultura galega, segundo dixo.

Con este son 33 os títulos en inglés de diversos autores galegos publicados por Small Stations Press, en catro coleccións: Small Stations Fiction (con once títulos de narrativa); Galician Classics (7 títulos, onde alén de Casares están Rosalía, Celso Emilio Ferreiro, Xosé María Díaz Castro, Lois Pereiro e Álvaro Cunqueiro); Galician Wave (narrativa xuvenil, con 13 títulos) e Small Stations Poetry (2 títulos de poesía).

O lanzamento deste volume de Carlos Casares coincidiu tamén coa inauguración dunha exposición, no Gaiás, centrada na súa producción literaria, de investigador, e tamén de tradutor, onde se poden ver libros, traballos xornalísticos e outros produtos culturais que se gardan na Biblioteca e Arquivo de Galicia.